in

Vigocultura presenta a súa programación para outubro e novembro

EntreSoñosFranSieira |

A Concellería de Cultura do Concello de Vigo vén de presentar a programación de artes escénicas Vigocultura, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro de 2019 no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. Un total de 19 compañías e grupos realizarán 24 funcións de espectáculos de rúa, monicreques, teatro, danza, maxia e circo.

O avance da programación comezará na rúa do Príncipe o venres 27 de setembro co espectáculo Espera, da compañía de novo circo Eia para continuar ao día seguinte con Sonámbulo, de Antón Coucheiro. A partir de aí, todos os venres de outubro e novembro haberá espectáculos para público adulto con compañías como Gorakada, ButacaZero, Arden Producciones, Desafora2, Fran Sieira ou Teatro do Atlántico. De igual modo, os domingos resérvanse ás sesións para todos os públicos con propostas como as das compañías Producións Dispersas, Pata Teatro, La Petita Malumaluga, La Trócola Circo ou Xampatito pato.

En outubro, a compañía Gorakada será a encargada de abrir o programa o venres 4 con El viaje de Ulises. O domingo 6 de outubro será a vez para , o unipersoal de circo da compañía Xampatito pato. Despois das ondas, de ButacaZero será o espectáculo que desembarque no Auditorio Municipal o venres 11, mentres que o domingo 13 será tempo para a maxia da man de Fani Triana e Martín Camiña en Bimaxias: dous ilusionistas en realidades paralelas. Yllana chega a Vigo na fin de semana do 18 ao 20 de outubro con Gag movie (ofrecendo unha sesión gamberra o venres 18 e o sábado 19 e unha sesión familiar o domingo 20 ás 18.00 horas). Finalmente, o 25 de outubro Arden Producciones achegará o seu Shakespeare en Berlín mentres que Producións Dispersas será a encargada de pechar o programa de outubro de Vigocultura o domingo 27 co espectáculo Todas as marabillas do mundo.

Xa no mes de novembro, o venres 1, a compañía viguesa DeuVe fará a estrea mundial do espectáculo Guerra de identidade da man de Deborah Vukusic coa dirección de Avelino González. De igual modo, o sábado 2 será tempo para Desafora2 coa peza No hay papel, a cargo de Ángeles Martín e Beatriz Bergamín; mentres que o domingo 3 de novembro será o tempo para o público familiar coa proposta Arte’n’rua, de Kandengue Arts. O venres 8 e o sábado 9 de novembro a compañía Fran Sieira presentará o espectáculo de danza Entresoños, sendo o domingo 10 tempo os máis pequenos con Bitels para bebés (concerto tributo a The Beatles), da compañía La Petita Malumaluga (con pases ás 16.30, ás 17.30 e ás 18.30). Celebraré mi muerte é a proposta coa que Producciones del Barrio e Teatro del Barrio chega o venres 15 de novembro a Vigo; mentres que Emportats, de La Trócola Circ é o espectáculo de circo previsto para o domingo 17 de novembro. Un dos espectáculos máis premiados nos últimos María Casares 2019, Invisibles, de Redrum Teatro chega o venres 22 de novembro; para dar paso a Pata Teatro que o domingo 24 presenta o seu Debajo del tejado. Finalmente, a compañía Teatro do Atlántico pecha a programación o venres 29 de novembro co espectáculo Dúas donas que bailan.

 


Publicidade

Entradas e abonos

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do venres 6 de setembro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora nates do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles). Os abonos para a programación pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 ou o 25 % respectivamente.

Como novidade nesta edición, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bernarda11 |

‘Bernarda’ e ‘A nena e o grilo máis aló’, Premios do Público da Mostra de Cariño 2019

Josi Lage

Josi Lage: “Precísase poñer en valor o feito de que o FETEGA sexa o único festival integramente dedicado ao teatro galego”