Está aberto o prazo para a recepción de propostas para o Festival Pezas dun Teatro do Porvir. Procesos abertos de escrita dramática, que terá lugar no marco do IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, Cartografías da palabra en acción.
Trátase dunha convocatoria aberta a 6 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou mostra desta. Entre os 6 proxectos, poderá seleccionarse tamén un proxecto portugués, para comezar a facilitar un intercambio e un diálogo entre as perspectivas da creación actual galega e portuguesa.
A estrutura deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima de 15 minutos.
As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipo de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai amosar.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.
Condicións
Asígnase un orzamento total de 300 euros para cada proxecto seleccionado proveniente de Galiza e 400 euros para o proxecto portugués.
Prazo para a presentación de propostas: 11 de outubro de 2019.
A selección dos 6 proxectos será realizada por parte da organización (Sección de Literatura Dramática da AELG) en función de:
- Descrición e formulación do proxecto.
- Breve mostra da peza.
- Currículum das/os dramaturgas/os.
Estes materiais deberán ser enviados en formato dixital, antes das 24 h. do 11 de outubro de 2019, a: [email protected]