Do 26 ao 29 de setembro a compañía Títeres Cachirulo presenta o seu espectáculo Olé, olé!! no marco do Festival Off de Marionetas na cidade francesa de Charleville-Mézières. Trátase dun espectáculo cómico-musical de variedades baseado no folclore andaluz no que, da man de diferentes tipos de marionetas, asistimos a unha praza de touros e a un taboado flamenco acompañados por turistas xaponeses.
As actuacións da compañía galega terán lugar en diferentes espazos da cidade entre o 26 e o 29 de setembro: o 26 de setembro no Restaurant Le Bureau, o 27 de setembro no Point Central, o 28 de setembro no Cour de la Mediateque e no Pub La Bourbonnade e o 29 de setembro no Restaurant Food O’clock e no Cour de la Mediateque.
Festival Mondial des Théâtres de Marionettes
O Festival Mondial des Théâtres de Marionettes é o maior xuntanza de marionetistas do mundo que se celebra na cidade francesa de Charleville-Mézières. Creado en 1961 polo colectivo Les Petits Comédiens de Chiffons, desde 2009 é un evento bienal que durante dez días, transforma salas e rúas en espazos de exhibición nos que se dan cita todas as técnicas, xéneros e tradicións achegando a arte da marioneta a un amplo abano de públicos.
Na última edición do festival, celebrada en setembro de 2017, os espectáculo do “IN” e o “OFF”, tanto en sala como en exterior, reuniron 170.000 espectadores na cidade, coñecida como Capital Mondial das Artes da Marioneta.