in , ,

Comeza o programa de sala do FIOT Carballo

|
Kulu Orr, Rodrigo Cuevas, Kikolas, Sincronacidas, MJ Pérez e Patty Diphusa actúan esta fin de semana nas propostas de OTNI, Rúa dos Contos e Teatro de Rúa. O recinto da rúa Pan tamén acolle este venres, ás 20:00, a inauguración da exposición 30 anos de Teatro do Morcego en homenaxe a Celso Parada

 

Comeza o Programa de Sala do 28º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT acolle este venres, 4 de outubro, a estrea absoluta de Medida x medida, unha coprodución de Producións Teatrais Excéntricas e o FIOT, que supón o regreso da compañía dirixida por Quico Cadaval á obra de William Shakespeare. O elenco, conformado por Melania Cruz, Evaristo Calvo, María Costas, Víctor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez, dará vida ao imaxinario do autor inglés nunha valente e irreverente peza sombría que aborda cuestións sinistras como o a corrupción, a hipocrisía ou o abuso sexual.

A estrea da Medida x medida, coa que Producións Teatrais Excéntricas celebra ademais o seu 15º aniversario sobre as táboas, terá lugar o venres 4, ás 21:00, no Pazo da Cultura. Ao día seguinte, o sábado 5, ofrecerase no mesmo escenario, contra ás 20:30, unha nova función dunha obra que se presenta como unha das grandes propostas da tempada escénica galega.

Medida x medida é primeira das dúas coproducións que o FIOT estreará nesta 28ª edición, xunto a obra O electo, que se dará a coñecer entre o público o vindeiro 25 de outubro. Esta liña de coprodución e de apoio á creación escénica que promove o festival pretende fomentar e fortalecer o tecido creativo do país á vez que ofrece ás compañías galegas un espazo de exhibición.

Co inicio do Programa de Sala, que se estenderá até o 1 de novembro, dá comezo tamén outra das propostas habituais do FIOT, como é a votación do Premio do Público Outono de Teatro 2019, sistema mediante o cal as e os asistentes achegan a súa opinión sobre os distintos espectáculos que se representan no Pazo da Cultura. A compañía que reciba a maior puntuación entre as nove que conforman este ano esta liña da programación obterá un recoñecemento en forma de convite para participar nunha futura edición do festival cunha nova creación escénica.

Outra das estreas que terán lugar esta fin de semana é o innovador espectáculo Control Freak, do artista multidisciplinar Kulu Orr. O israelí presentará por primeira vez en Galicia unha proposta rompe as fronteiras artísticas misturando humor intelixente, música ao vivo, artes circenses e tecnoloxía punteira sobre o escenario. Kulu Orr, creador, protagonista e director do espectáculo, presentará sobre as táboas do Pazo da Cultura a un conmovedor personaxe que pretende interactuar co público, para que este sexa partícipe do proceso creativo, á vez que loita coa súa propia ineptitude social e os complexos sistemas que se atopan no escenario.

Control Freak, que se presentará o domingo 6 de outubro ás 20.30 horas, é a primeira das obras que forman parte do 10º ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), co que o FIOT afonda na súa aposta pola aproximación á creación e novas linguaxes artísticas, a través da ollada de artistas que ofrecen miradas orixinais e cativadoras ao público de Carballo.

 

Homenaxe a Calso Parada

O venres, 4 de outubro, terá lugar a inauguración da exposición 30 anos de Teatro de Morcego, unha mostra coa que o Festival Internacional Outono de Teatro pretende render homenaxe a quen foi un dos fundadores desta senlleira compañía galega: o director, actor, e produtor Celso Parada, recentemente finado.

Tanto Parada coma Teatro do Morcego foron piares fundamentais do FIOT nas súas primeiras edicións e as súas propostas escénicas formaron parte da programación do festival, abraiando con todas elas ao público de Carballo. No ano 2005, Parada recibiu o galardón de Xograr de Outono en recoñecemento a súa traxectoria e labor no desenvolvemento do teatro galego. Agora, e gracias a colaboración de Isabel Ávila, cofundadora con Parada da compañía, e ao escenógrafo Carlos Alonso, os espectadores poderán recordar a a súa obra grazas á mostra.

A exposición, que se poderá visitar desde mañá e até o vindeiro 1 de novembro, percorre tres décadas do traballo de Teatro do Morcego a través de pezas históricas do vestiario, escenografía, memoria gráfica e dramaturxia dos 31 producidos pola compañía, nos que participaron máis de medio cento de actrices, actores, músicos, bailaríns e directores.

No acto de apertura ao público, que terá lugar ás 20.00 horas, participarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; a cofundadora da compañía, Isabel Ávila; e o deseñador da mostra, Carlos Alonso.

 

Irreverencia e música ao vivo na fin de semana na Rúa dos Contos

Esta fin de semana tamén continúa a programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia que este ano celebra a súa 21ª edición, e que ofrecerá un espectáculo cada xornada. Así, o venres 4, contra á medianoite, Patty Diphusa presentará o seu monólogo Sexo seguro. Seguro? Seguro! no Stars Café Bar, un espectáculo “profiláctico”, feminista e pro LGTBQI que aborda cuestións complexas desde unha perspectiva cómica e cunha importante carga didáctica en cuestións de educación para a saúde sexual.

O sábado 5 será a quenda dunha das figuras clave desta nova edición do FIOT: o axitador folclórico e divo do etnoglamour Rodrigo Cuevas, quen dará a coñecer Trópico de Covadonga, o seu novo e terceiro espectáculo en solitario, no que presenta ao público un trópico inventado que atravesa Asturias pero que dá a volta arredor do mundo. A cita, para a que aínda quedan entradas, terá lugar ás 23:00 da noite no mercado municipal e achegará ao público a figura dun Rodrigo Cuevas menos cabareteiro e que centra a súa enerxía nun espectáculo único e que destaca pola súa categoría musical, estética e discursiva.


Publicidade

Finalmente, o domingo 6, unha das novas voces da escena musical galega, MJ Pérez, presentará ao vivo o seu álbum Casandra. Neste terceiro traballo, a cantante e compositora explora novos estilos e conta coa colaboracións de Richi Casás, Serj, Ailéen Kendelman ou Paco Cerdeira. A actuación terá lugar á hora do aperitivo, contra ás 13.00 horas, na Cervexaría La Bombonera.

 

As artes circenses e o clown toman as rúas de Carballo

O Teatro de Rúa terá dúas citas co público de Carballo esta fin de semana. A primera delas será co orixinal espectáculo OhLimpiadas!, da Compañía Sincronacidas, no que as artistas transforman unha xornada laboral de dúas limpadoras nunha auténtica competición deportiva de alto nivel da man da mítica comentarista dos Xogos Olímpicos, Julia Luna. Danza, acrobacias, e moito humor encherán este venres a praza do Concello de Carballo a partir das 20.00 horas.

Ao día seguinte, o universo onírico e poético de Jean Philippe Kikolas chegará á Galicia co seu espectáculo Calor, no que unha marabillosa combinación de artes circenses e clown narra unha historia inspirada na vivencia de persoas que tiveron que marchar, precipitadamente e en contra da súa vontadade, das súas casas. Un espectáculo que convida a sentir, imaxinar, pensar e xogar a públicos de todas as idades e que comezará ás 20:00 na praza do Concello.

 

Actividades paralelas

O inicio do Programa de Sala desta fin de semana supón tamén o comezo doutras actividades paralelas do FIOT. É o caso da Escola do espectador, unha proposta que pretende achegar o feito teatral ao público dun xeito próximo e sinxelo. A actividade, coordinada polo xornalista Camilo Franco, vincularase nesta edición directamente ás #MIRADASFIOT e centrarase nas consecuencias da crise, a nivel argumental, no teatro, e de que xeito esta crise incidiu directamente no incremento da presenza nas táboas de pezas de carácter social.

Cada unha das sesións que conforman esta edición da Escola do Espectador abordará unha cuestión particular sobre o teatro político ou social e como este se foi adaptando á última crise. Así, na primeira cita deste sábado, 5 de outubro, as e os asistentes achegaranse ao propio concepto de crise, ademais do teatro de intervención e de testemuña, e ao teatro político. A actividade, de asistencia libre e gratuíta, celebrarase todos os sábados de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, no bar A Barra.

Ademais, este venres arranca a iniciativa gastronómica Dálle un bocado ao FIOT, unha ruta que propón tapas e menús de inspiración teatral en 13 locais de hostalería de Carballo. Este programa celebrarase todos os venres, sábados e domingos de outubro en horario de almorzo (de 09.00 a 12.00 horas no Valle-Inclán Café e Ummm! Xeados) e tarde (tapas de 20.00 a 23.00 horas en Taberna o Mexillón, Oito Bar, Cafetería Pazo da Cultura, Vinoteca Ánfora, Restaurante A Esmorga, A Tapería e A Barra Bar). Como novidade este ano sumarase o horario de ceas, de 22.00 a 00.00 horas, en cinco establecementos: Pementa Rosa (días 12 e 25), Río Sil (días 4 e 18), Oasis (días 13, 19 e 27), A Esmorga (días 5, 11 e 26) e Vesuvio (días 6 e 20).

 

Axenda do FiOT para a fin de semana

 

Venres 4

10.00h – IES Alfredo Brañas: Acción teatral de Galeatro no instituto
11.00h – Colexio Artal: Acción teatral de Galeatro no centro escolar
12.00h – IES Monte Neme: Acción teatral de Galeatro no instituto
20.00h – Pazo da Cultura: Inauguración da exposición 30 anos de Teatro do Morcego. Homenaxe a Celso Parada.
20.00h – Praza do Concello. OhLimpiadas, de Compañía Sincronacidas
21.00h – Pazo da Cultura. Medida x medida (estrea absoluta), de Producións Teatrais Excéntricas
00.00h – Stars Café Bar: Sexo seguro. Seguro? Seguro!, de Patty Diphusa

Sábado 5

12.00h – A Barra Bar: Escola do Espectador. De que falamos cando falamos de crise. Teatro de intervención/teatro de testemuña. Teatro Político, con Camilo Franco
19.30h – Praza do Concello: Calor, de Jean Philippe Kikolas
20.30h – Pazo da Cultura: Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas
23.00h – Mercado municipal: Trópico de Covadonga (estrea en Galicia), de Rodrigo Cuevas

Domingo 6

13.00h – Cervexaría La Bombonera: Casandra, concerto de MJ Pérez
20.30h – Pazo da Cultura: Control freak (estrea en Galicia), de Kulu Orr

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

medidaxmedida |

Excéntricas estrea ‘Medida x medida’ no FIOT de Carballo

VailoretoLaPelela |

O XXIV Festival Galicreques estende programación a Betanzos, Carral, Arteixo, Culleredo, Vigo e A Coruña