Producións Teatrais Excéntricas estrea dentro do programa do Festival Internacional de Outono de Carballo o seu novo espectáculo. Trátase de Medida x medida, unha versión da obra de William Shakespeare coa que a compañía compostelá celebra os seus 15 anos sobre as táboas. A estrea absoluta terá lugar este venres 4 de outubro ás 21:00 no Pazo da Cultura e poderase ver tamén o sábado 5, ás 20:30.
Quico Cadaval dirixe esta proposta que é, segundo a compañía, unha comedia negra, sufocante, divertida enigmática e aceda que coquetea constantemente co desastre. O proxecto, realizado en coprodución co FIOT, conta cun elenco formado por destacados nomes da escena actual como son Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. Ademais do devandito elenco, o proxecto conta co traballo de Suso Montero no deseño de escenografía e vestiario, Bernardo Martínez na dirección musical, Dani Juncal no deseño de iluminación.
Tras a súa estrea no Pazo da Cultura de Carballo, onde poderá verse o venres 4 de outubro ás 21:00 horas e o sábado 5 de outubro ás 20:30 horas, o espectáculo iniciará unha xira que o levará proximamente a Pontevedra (10 de outubro), Arteixo (11 de outubro), Muros (12 de outubro) e O Barco (29 de novembro).
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



