Onte, coa representación de Curva España, da compañía Chévere, comezaban as celebracións previstas para o 30º aniversario do Auditorio de Galicia. Serán actividades de música, danza, teatro, visitas guiadas, artes visuais… que se prolongarán ata o 30 do mes de outubro. Curva España, que parte dunha historia local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín, volverá a representarse hoxe, ás 20:30.
En outubro de 1989 inaugurábase o Auditorio de Galicia, supoñendo un fito para a cidade de Santiago tanto na reconfiguración arquitectónica e urbanística da zona como na súa aposta pola cultura como eixe vertebrador da imaxe da cidade como capital de Galicia. O edificio deseñado polo arquitecto Julio Cano Lasso durante o goberno de Xerardo Estévez, foi inaugurado o 20 de outubro de 1989.
O xoves 17, dentro do Programa de Abono e do Ciclo de Piano Ángel Brage, Norte, sul e leste, concerto da Real Filharmonía de Galicia e o pianista Dmytro Choni.
O venres 18 de outubro chega ao Auditorio de Galicia Donde el bosque se espesa, unha traumática viaxe á verdade, protagonizada por mulleres resoltas a chegar ata o final, aínda que nada volva ser o mesmo. Dirixida por Laila Ripoll, conta co apoio do programa PLATEA do INAEM. E o sábado 19 chega ao escenario da sala Ángel Brage Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro. Previamente, o venres 18, na Cafetería Lasso, termos un #CONVERSANDO coa equipa de Matarile dentro das actividades do Club C!.
O día principal, domingo 20 de outubro, á 11:00 e 11:30, o Orfeón Terra A Nosa ofrece un recital íntimo para un aforo reducido e, a esa mesma hora (11.00) celébrase a primeira das visitas guiadas polo edificio (que se repetirá de novo ás 17:00). A partir das 13:00, Carlos Blanco contará as súas “viaxes” coa Real Filharmonía de Galicia, para pechar a programación da mañá con Suso Alonso ao piano e comida especial na cafetería Lasso.
Xa pola tarde as actividades arrancan ás 17:30 h co Concerto (non tan) singular de Píscore para toda a familia e o fin de festa chegará ás 19:00 con Ruth Balbís e a súa peza Give it a spin e o concerto final de Ortiga. Todas as actividades serán de balde.
A seguinte cita será o xoves 24, co concerto especial que con motivo do aniversario ofrece a Real Filharmonía de Galicia. Baixo o nome de Soños de inverno e acompañados polo violonchelista Steven Isserlis, estarán dirixidos por Paul Daniel. Incluirá a estrea absoluta dunha obra encargada pola RFG para este día á compositora galega Sofía O. Infante Souto. Antes do concerto, o público poderá charlar con ela e co director na Sala Mozart.
O sábado 26 de outubro chega ao Auditorio a coreógrafa Sol Picó, Premio Nacional de Danza 2016, para presentarnos Dancing with frogs, na que reflexiona sobre os límites entre o masculino e o feminino. Tamén co apoio do programa PLATEA do INAEM. E o domingo 27 chega a proposta da Banda Municipal de Música de Santiago, que para esta celebración convida ao concerto ás bandas de Padrón, Santa Cruz de Rivadulla e Teo.
Os eventos do 30 aniversario péchanse o mércores 30 coa inauguración de (in)visible Wom@rts na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio. Liderado polo Auditorio de Galicia e co apoio do Programa Creative Europe da Unión Europea, o proxecto europeo Wom@rts promove a presenza igualitaria das mulleres como axentes activos da contorna artística. Entre as iniciativas desenvolvidas organizáronse tres residencias artísticas para as que foron seleccionadas 32 artistas nas cidades socias do proxecto. Os traballos que realizan as creadoras toman como punto de partida O segundo sexo, en homenaxe ao ensaio escrito por Simone de Beauvoir no 70º aniversario da súa primeira publicación. Cada artista parte dunha realidade cultural e xeracional propia, para preguntarse sobre a “natureza” da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. As obras están incluídas nesta exposición itinerante, convertendo cada cita expositiva nunha oportunidade de tecer novas conexións e referencias.
Domingo 20 de outubro, o Auditorio de Gala
As actividades do día 20, a inauguración da exposición e o concerto da Banda Municipal serán de balde (aínda que para algunha fai falta retirada de convite ou inscrición previa). Para o resto de actividades poden mercarse as entradas na páxina web compostelacultura.gal ou nos despachos de billetes: no do Teatro Principal en horario de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h, e no do Auditorio dende unha hora e media antes de cada evento. As entradas terán os descontos do 50% para os colectivos habituais.