Hoxe, xoves, 17 de outubro, o Festival internacional Títeres Galicreques ofrecerá un total de seis funcións repartidas pola Fundación SGAE, o Teatro Principal, o CSC de Fontiñas e a Carpa da Alameda. O protagonismo da xornada repartirase entre dous grandes actos: a estrea absoluta de Finisterrae, o último ultramarinos, da compañía galega Títeres Alakrán, e a presentación do libro El inspector Ure, de Jorge Rey, titiriteiro e director do Festival.
Así, ás 18.00, no Teatro Principal, Rey presentará El inspector Ure, publicado na sección de Obras didácticas do selo Leviatán. Neste volume, o director de Galicreques realiza un achegamento á figura de Alberto Ure (Bos Aires 1940-2017), director escénico arxentino que en palabras do propio Jorge Rey, era un “creador sagaz, sempre lúcido, erudito vertixinoso e amante vehemente da escena arxentina”. A presentación terá lugar no ambigú do Teatro Principal e as vinte persoas que cheguen primeiro e digan a palabra máxica, que non é outra que Galicreques, recibirán un exemplar gratis da obra de Rey.
Por outra banda, a compañía galega Títeres Alakrán protagonizará a estrea absoluta da xornada. Presentarase así diante do público de Galicreques a obra Finisterrae, o último ultramarinos. A obra, escrita por María Lado e protagonizada por Borxa Insua e Celtia Figueiras, é unha homenaxe a eses negocios que nos proporcionaban todo o necesario para poder vivir, e tamén unha chamada de atención pola pronta desaparición destes singulares comercios.
A xornada completarase con Tres Tigres Teatro, compañía arxentina que presentará La Caperucita na Fundación SGAE ás 10:30 para o público escolar. Ademais, ás 18:30 esta mesma compañía chegará ao CSC de Fontiñas para ofrecer unha función doutro espectáculo do seu repertorio: Serenatas con Sanata. A programación do xoves incluirá ademais dúas funcións na Carpa da Alameda. A primeira, ás 18:00, correrá a cargo dos arxentinos de Chachakün, que representarán a montaxe El investigatopo. A segunda, Pelos, misión bolsa y paso, é a obra que os manchegos de Títeres Larderos representarán ás 19:30 na Alameda.