in

El Patio Teatro: “Nós non facemos teatro para a xente de teatro, facémolo para as persoas”

ConservandoMemoria |
El Patio Teatro é unha compañía de Logroño que, nos albores da súa vida artística, conseguiron unha importante experiencia tras rodar o tan premiado espectáculo, A mano, polos festivais de medio mundo durante seis anos. Con, ou sen palabras, os bonecos e obxectos son o vehículo que utilizan para contar. Tratan os temas coa sensibilidade do neno e a dozura da avoa. Constrúen desde o pequeno grandes historias que chegan ao corazón. Despois de lanzar dous novos espectáculos neste último ano, na Fira de Titelles de Lleida tivemos a ocasión de encontrarnos e pararnos detidamente para falar das súas vidas e de teatro. O vindeiro 26 de outubro estarán no FIOT de Carballo con Conservando memoria.
|Xoán Carlos Riobó |

 

Vós tivestes un bo profesor de teatro nos vosos inicios.

Si. Nós formámonos con Jorge Padín, de Ultramarinos de Lucas, nun local da CNT en Logroño. Dunha maneira directa ou indirecta, toda a xente que saíu de alí estase dedicando ao teatro. Jorge aprendeunos todo o que sabía. Cando el considerou que nos ensinara todo, deixounos voar. É o noso mestre e amigo. Aprendeunos unha maneira de amar o teatro e contar historias a través do xogo e a poesía.

Izaskun, nese tempo estabas facendo un curso de cerámica.

IZASKUN FERNÁNDEZ: Á vez que estudaba teatro, apunteime na Escola de Arte de Logroño (actualmente ESDIR. Escuela Superior de Diseño de La Rioja.), facendo o grao medio de cerámica artística. En realidade eu quería apuntarme a ilustración e dixéronme que había tres anos que non se facía. A muller de Padín, que é profesora de fotografía na escola, díxome que eu tiña que apuntarme a cerámica. Non se volveu falar máis. Escollín cerámica. De feito, estes son os inicios da Compañía El Patio. Nese tempo xa estabamos traballando xuntos con La Zarándula e con Sapo Producciones facendo rutas teatralizadas.

JULIÁN SÁENZ-LÓPEZ: Despois fixemos Mía, un texto de Amaranta Leiva sobre a violencia contra a muller. Neste espectáculo utilizamos por primeira vez os bonecos. Jorge dirixiunos nun principio e despois tivo que marchar. Levala adiante foi un reto e unha aprendizaxe. Con ela sufrimos moito e descubrimos cousas: Démonos conta de que queriamos traballar xuntos, que a manipulación atraíanos moito e que non volveriamos a facer teatro para sufrir. Despois fixemos uns contos narrados de varios autores. Contabamos cunhas maletas para ilustralos con obxectos pequenos e íntimos. Cando nos convidaron a La Luna, un local de larga traxectoria de narración oral, tivemos que buscar un nome de compañía porque estabamos fartos de poñer nos carteis a Izaskun e o Julián. Puxémonos El Patio.

I.F: Chamáronme da escola de arte para que fixera un proxecto final. Tiña un ano para preparalo. Falei con Julián e propúxenlle xuntar o teatro co barro. Pechámonos durante seis meses no garaxe da avoa de Julián e sacamos A mano. Con el falamos do artesanal. Presentamos o espectáculo na CNT para que os profesores nos puxeran nota. Aproveitando que o tiñamos montado, fixemos funcións a fin de semana para o público. O local era moi pequeno, podían entrar 25 persoas, 26 non cabían. Mira que era pequeno o local que tivemos que poñer papeis cos nosos teléfonos por todo Logroño. Mandabamos mensaxes e gardabámoslle as entradas a quen nos chamara. Comezouse a correr a voz e ampliamos a tempada. Era como moi clandestino.

A continuación fostes seleccionados para participar en FETEN e en Lleida.

I.F: Os amigos animáronnos a participar e nós enviamos unhas caixiñas bomba co vídeo do espectáculo, a cabeza do protagonista metida nun bote de cristal, galletas, fotos que nos fixo unha amiga, o dosier que elaborou Diego, o noso técnico, as tarxetas feitas a man cos nosos teléfonos, e unha bolsa de té. Mandámolo todo a FETEN e Lleida e colléronnos nos dous. Nestes días, cando chegamos á feira para acreditamos, a rapaza que do mostrador ensinounos a caixiña que aínda estaba alí. Gañamos en FETEN e Lleida e nin sabiamos o que era un caché. En FETEN fomos a primeira compañía rioxana que participaba. Mirounos Ana Sala, distribuidora de IKEBANAH e quixo movernos. Agora faciámonos maiores de súpeto, cando nós viñamos do local da avoa de Julián. En Lleida interesouse por nós unha programadora de Núremberg, do festival Panóptikum, e desde ese momento abríronsenos as portas e xiramos durante seis anos con A mano.

Que aprendestes durante este tempo?

Moitísimo. Para nós foi unha universidade. Despois de seis anos xirando aprendemos que non podes abandonar a creación. Tiñamos moitas ganas de facer algo novo e non tivemos tempo de parar. Cando comezabamos algo, tiñamos que deixalo para ir de xira. Pasaba o tempo e as ideas cambiaban e comezabamos de novo. Nós temos unha maneira de crear que é o encerro. Necesitamos enfermar con algo e pecharnos todo o día porque nos gusta. Hai que ter un equilibrio entre viaxar e crear. Ao pasar seis anos sen crear, pregúntaste como se facía e enfróntaste aos teus medos. Con Hubo, cada vez que tiñamos unha dúbida, vencía, e volviamos a comezar de novo.


Publicidade

Que importancia ten o xogo no voso proceso de creación?

Todo. Cando te pechas a crear, xogas. Para nós hai dúas cousas importantes. Primeiro buscamos algo que nos emocione, para que ao contalo, o outro se emocione igual que nós. Despois xogamos, improvisamos e matizamos sen buscar explicacións profundas. Tampouco temos unha fórmula fixa para cada espectáculo. Nós sempre lle dicimos aos que queren facer teatro que fagan o que lles dea a gana, o que de verdade queiras porque se non te emociona non te vai levantar todos os días da cama. Fai o que queiras, pero tamén pensando que o que queres contar chegue ao espectador. Jorge Padín sempre nos di que cando vaiamos presentar un espectáculo, convidemos ao teu mestre, que che vai dicir o que está mal, a un neno, que entende moito de ritmo e a alguén que non saiba de teatro porque che vai dar sen cariños.

A memoria é importante para vós?

É o noso tendón de Aquiles. Estamos moi vinculados á memoria e á soidade. Sempre facemos personaxes que están sos. E falamos desde a tenrura e a emoción. Nós non facemos teatro para a xente de teatro, facémolo para as persoas. Cando chegas a un pobo onde case nunca programan teatro e de súpeto veña a xente porque hai “comedias”, a ver algo que non é habitual, cunha tola falando a uns botes cos seus avós dentro, e entran no código, pois é que algo fixemos ben.

 Izaskun, en Conservando memoria, falaches cos teus avós para indagar nas súas vidas. Como foi esa experiencia?

I.F: O que pretendín foi buscar aos homes e as mulleres que estaban debaixo dos meus avós. A miña avoa sempre vai ser a miña avoa, pero, que muller é a miña avoa? Estamos no rol de neta e avoa e eu quería saber se o seu primeiro bico fora co meu avó ou non, ou se tivo outro tipo de anhelos na vida. Iso foi moi difícil porque o rol nunca se perdeu. Todo estaba no que me contaban e no que non. O que máis me impactaba eran os seus silencios. Había cousas que non me querían contar, ou ben porque eran moi persoais, ou ben porque eran dolorosas, ou ben porque eu era a súa neta. Igual a outra persoa llo contaban. Si, houbo momentos de intimidade cando eu e a miña avoa botamos a chorar.

Que son os avós?

Son memoria viva. Cremos que cando unha persoa morre, con el morren os seus recordos, os seus gustos, as súas palabras, a súa esencia. Cando se van, todos os recordos desaparecen con eles. Para nós é indispensable rescatalos, que non se perdan as cousas. É memoria viva e cando se vaian todo se irá con eles.

Nós marchamos tamén. Tomamos algo co resto da familia rioxana, comemos xuntos e despois fomos ver a representación do último espectáculo da compañía, Conservando memoria. Este sería o colofón da Fira de Titelles de Lleida. Despois deixaríamos a cidade, non sen antes botar a vista atrás, pensando na Izaskun e no Julián, e na memoria.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

RobertoVidalBolaño |

Manuel Quintáns presenta en Brión un novo libro sobre Roberto Vidal Bolaño

Despois das Ondas

Despois das ondas