in

Limiar Teatro estrea ‘Se fosen turistas levarían gafas de sol’ en Montevideo

TuristasLimiar |
O Centro Cultural de España acolle a partir de hoxe tres funcións desta montaxe internacional, na que participan nove artistas de Galicia, Portugal, Arxentina e Uruguai. O espectáculo, dirixido por Fran Núñez, reflexiona en clave de comedia sobre a nosa emigración pasada e presente

 

O Centro Cultural de España en Montevideo acolle hoxe a estrea de Se fosen turistas, levarían gafas de sol, unha coprodución teatral internacional promovida polas compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, na que participan a Xunta de Galicia, a través do Centro Dramático Galego (CDG), e outras entidades de Portugal, Arxentina e Uruguai.

Se fosen turistas levarían gafas de sol é un espectáculo no que, a través da palabra, a música en directo, o son, o movemento, a danza e o audiovisual se presenten en escea pasaxes das nosas historias familiares ligadas ao exilio e a emigración. O fin é recuperar a memoria como metáfora do presente no que vivimos. Existe un paralelismo entre o que sucedeu con nós décadas atrás, o que segue a suceder no mundo e, infelizmente, o que sucederá.

 

Unha revisión do noso pasado dende o humor

O tema é serio e a reflexión debe ser profunda pero o espectáculo non vai ser un velatorio. O espectáculo vai ser unha celebración da vida, da supervivenza, do camiño percorrido. Dende a nostalxia, dende o humor, dende a metáfora pero tamén dende a crudeza do presente. Cualquer tempo pasado non foi mellor, pero así tentamos lembralo. O espectáculo construirase  arredor de cuadros ou esceas nas que compartir pequenas lembranzas, pequenas memorias ligadas ao proceso da migración. A saída, a chegada, o sentimento de ser de ningures, a distancia, a “saudade”,  a integración, a “morriña” e a morte.


Publicidade

O espectáculo, con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, fusiona o teatro e a música en directo de Brais Iriarte para reflexionar en clave de comedia sobre a nosa emigración pasada e futura. Faino a través das historias persoais dos artistas que integran o elenco, afondando no acontecido como metáfora do presente. Así, as interpretacións de Iván e Mariano Solarich, Manuel Coelho, Cristian Palacios, Juan Caputo, Martina e Magdalena Fernández, e os propios Fran Núñez e Brais Iriarte resultan unha celebración da vida, da supervivencia e do camiño percorrido a partir dunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50.

A música creada en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son características que fan de Se fosen turistas, levarían gafas de sol unha proposta escénica única e novidosa.

Ademais do CDG, participan no proxecto o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, a Compañía Nacional de Fósforos de Bos Aires, Comedias do Minho de Paredes de Coura e El Mura de Montevideo co auspicio do Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai. Na estrea colabora tamén a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

O espectáculo, que se foi creando en residencias artísticas levadas a cabo nos distintos países participantes, forma parte do plan de coproducións do CDG para a temporada 2019-2020. Despois da estrea na capital uruguaia, onde terán lugar as tres primeiras representacións do 24 ao 26 de outubro, a montaxe poderase ver tamén en Arxentina, para chegar ao Salón Teatro de Santiago de Compostela do 11 ao 21 de decembro.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Armazenados 1 |

Armazenados

Xoan Carlos Riobo

Xoán Carlos Riobó: “Faise teatro pero non se crea público amador do e desde o teatro”