Esta fin de semana remata a XII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2019 coa representación de dúas comedias.
O sábado 26, a Agrupación Teatral Mariñán de Betanzos presentará Insania, unha inquietante comedia de humor negro, sorprendente pola sinxela posta en escena e o traballado papel do seu elenco. Mensaxe “subliminal” para profesores con síndrome de tensión!
O domingo, 27, a grupo Porta Aberta de Vigo amosará ós espectadores a comedia Estraños hábitos, desenvolvida nunha vivenda na que, o que aparentemente ía ser unha cita normal, nun apartamento normal, con persoas e amigos normais e sen ningún tipo de alteración fóra do normal, acaba sendo unha tarde diferente e alterada ata a esquizofrenia. A vida de Xoán verase alterada nunha soa tarde por todas e cada unha das personaxes que van aparecendo no seu apartamento de solteiro. El tiña todo preparado para unha cita normal con Virxinia, pero todo se converterá nun continuo ir e vir das persoas importantes na súa vida, en circunstancias estrañas e con hábitos aínda máis estaños.
As representación serán no Auditorio Manuel María do Carballiño, ás oito e media da tarde. Os alumnos dos centros de ensino da vila: IES nº 1, Chamoso Lamas, Vila do Arenteiro e Franciscanas terán ó seu dispor a entrada de balde para presenciar estas comedias, co único requisito de identificarse na xanela do despacho de entradas.