O Salón Teatro de Compostela presenta hoxe o documental La gran boda 2.0, realizada pola asociación de teatro inclusivo La Quinta del Arte. Rodado na madrileña praza de Lavapiés, o filme é unha falsa voda entre dúas persoas con discapacidade e nel participaron máis de 70 actores con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais). Pode verse hoxe sábado ás 18:00, con entrada gratuíta.
Coincidindo coas funcións que está a desenvolver estes días no Salón Teatro de Compostela La Quintana Teatro con Desde o invisible, versión en galego do seu premiado primeiro espectáculo, mañá sábado estrearase neste mesmo espazo o documental La gran boda 2.0, de La Quinta del Arte.
La gran boda 2.0 é unha comedia que reflexiona sobre o concepto de diversidade e ten como obxectivo dar un paso no camiño cara á inclusión social. Con este documental, dáselle continuidade ao proxecto de teatro inclusivo La gran boda, espectáculo de rúa con 47 actores e actrices, cun amplo abano de ideades e diferenzas, que tivo lugar na Coruña en xullo de 2017.
Grazas á III Convocatoria de Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa e á colaboración co Centro Dramático Nacional, La gran boda 2.0. viaxou coa familia da noiva dende Galicia para xuntala en Madrid coa familia do noivo. Neste caso, o proxecto foi filmado coa participación de 70 intérpretes con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais), que actuaron o pasado 22 de xuño na fachada do Teatro Valle-Inclán no marco do Festival Una Mirada Diferente do CDN (convocatoria RETO).
Victoria Teijeiro é a directora deste documental, así como unha das integrantes de La Quintana Teatro, que está a representar no Salón Teatro Desde o invisible, premio Max en 2018 a mellor espectáculo revelación.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



