Do 29 de outubro ao 3 de novembro desenvólvese en Compostela a 18ª edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, organizado pola Fegatea (Federación Galega de Teatro Amador). Oito espectáculos conforman o programa que terá lugar no Teatro Principal e as rúas da cidade da man dos colectivos Escoitade, Lohengrín, Nova Escena, Avelaíña, Disfunción continua, Gargallada e Petanaporta.
O martes 29 de outubro, ás 19:30, diante do Teatro Principal, Teatro Escoitade (Vigo) presenta Un Hotel de Primeira sobre o Río de Xohana Torres, dirixida por Doro Piñeiro. Un Hotel de Primeira sobre o Río é un relato, é una historia de amor á natureza, é una loa á impotencia, e finalmente é un xeito a vida con data de caducidade.
Ese mesmo 29 de outubro, ás 20:00, Lohengrín Teatro (Vigo) presenta Coa mirada nas súas mans, un espectáculo de teatro sensitivo, adaptado para público vidente e cego, dirixido por Pablo Iriarte. Dúas mozas namoradas cos seus temores e dúbidas ao principio da súa relación, mentres unha recibe mensaxes dun antigo noivo.
O mércores 30 outubro, ás 20:00, Nova Escena (Lugo) trae As fillas de Eva, dirixida por María Marquez. Nun país asolado por una longa guerra, Eva loita por soster a casa e ás fillas. Fiando con esforzo entre o desánimo e a esperanza.
O xoves 31 de outubro, ás 20:00, Avelaíña Teatro (Pontevedra) leva a Compostela A Lola, de Manuel Ayán Díaz. A Lola son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista. O relato xoga co presente e o pasado.
O venres 1 de novembro, ás 20:00, Disfunción Continua presenta Departamento de Selección. Catro mulleres optando ao posto de traballo máis importante das súas vidas, ata onde serán capaces de chegar para obtelo? Dirixe Jouse García.
O sábado 2 de novembro, ás 20:00, Gargallada Teatro (O Barco) presenta O Xogo de Versalles: intrigas, enganos, segredos, ciumes e loita de egos nun xogo no que ninguén quere amosar as súas cartas. Que clase de xogo é ese? O Xogo de Versalles! Dirección de Tito Asorey e Manuel Caramés.
A mostra remata o domingo 3 novembro, as 20:00, con Petanaporta (Marín) e O Pequeno Poni, de Paco Bezerra. A dirección do colexio considera detonante do acoso o feito de que Breixo acuda a clase coa mochila dos ponis, acusándolle de disrupción na aula. Dirixe Vanesa M. Sotelo.
Todas as funcións son no Teatro Principal, agás Un Hotel de Primeira sobre o Río, que será representada diante do teatro.