A Real Filharmonía de Galicia vai estrear a ópera galega A amnesia de Clío, do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde, a primeira grande ópera do século XXI en Galicia. Será o 10 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago, ás 20:30. Representarase de novo o día 12 no Teatro Colón da Coruña e -en versión concerto- o 14 no Auditorio Municipal de Ourense (ambos ás 20:30).
A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora e o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; co financiamento da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolvido coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA.
A ópera presentouse esta mañá no Auditorio de Galicia, coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García; o deputado provincial de Cultura da Coruña, Xurxo Couto; o presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, Jesús Couceiro; o compositor Fernando Buíde; a directora escénica Marta Pazos, da compañía Voadora; o produtor José Díaz, de Voadora; a soprano Raquel Lojendio, protagonista feminina da ópera; o barítono Sebastià Peris, protagonista masculino; e a mezzosoprano Marina Pardo.
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, fixo referencia a “un grandísimo espectáculo, unha gran produción que vai ser moi relevante para a cidade de Santiago e para toda Galicia”. Pola súa parte, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou o valor dunha “ópera contemporánea en galego, composta por un galego e libreto tamén en galego, e que porá en escena unha compañía da terra; un proxecto moi complexo pero cuxa estrea vai ser todo un fito”.
Na súa intervención, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou “o valor que ten o feito de lograr sumar a tantos organismos e tantas colaboracións para facer un proxecto de ópera”. Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, manifestou que “é un soño que unha ópera se poida celebrar en galego e que teña difusión por diferentes cidades galegas, un proxecto de calidade que contribúe a potenciar a cultura e a lingua galega”.
O compositor Fernando Buíde sinalou que lle fai “moita ilusión estrear o meu proxecto máis grande na miña casa e coa Real Filharmonía de Galicia”. E indicou que “a ópera é teatro e tiven presente que o texto e a súa comunicación era o que tiña que guiar a composición da peza”. A directora escénica Marta Pazos referiuse a “un traballo de orfebrería” e destacou que se pretende transmitir “a frescura que caracteriza á nosa compañía dende o punto de vista artístico, contemporáneo; o resultado é moi xenuino”.
Finalmente, a soprano Raquel Lojendio, que vai interpretar a Clío, falou dun personaxe “moi complicado pero moi interesante. É a unión de moitas mulleres e de moitas realidades. Vai ser un espectáculo moi entretido e visualmente moi potente”.
A muller na arte e na política
A amnesia de Clío é unha ópera contemporánea de gran formato cunha temática moi actual: o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política, rexida habitualmente por impulsos testosterónicos, como no mundo da arte, subvertendo a relación musa/artista.
A amnesia de Clío é unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas entrecrúzanse para crear unha obra cun pé na realidade e outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista. Xoga con realidades que mesturan arte e política, inspiración e realidade, e faino partindo de feitos constatados. Como por exemplo, a vertente artística desenvolvida polo ex presidente dos Estados Unidos George W. Bush tras a súa saída da Casa Branca, cando comeza a pintar retratos doutros dirixentes políticos ou dos soldados que enviou á guerra de Irak. Todo iso vertebrado a través da figura de Clío, musa da Historia encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política. Unha viaxe en sentido inverso á do seu antagonista na ópera: a musa rebélase para reivindicar o papel da muller máis aló da inspiración.
Un grande elenco de voces
A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel; coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. Serán máis de 70 artistas en escena. O rol feminino principal, o da musa Clío, interpretarao a soprano canaria Raquel Lojendio. Ademais, contarase coas voces do barítono valenciano Sebastià Peris no papel de George e da mezzosoprano cántabra Marina Pardo como Mannon/Merkel; xunto ao compostelán Orfeón Terra A Nosa que dirixe Miro Moreira.
Protagonistas
Fernando Buíde, nacido en Compostela en 1980, estudou en Santiago, Oviedo e Pittsburgh, e recibiu o seu doutorado na Universidade de Yale. Foi compositor residente na Real Academia de España en Roma. Durante a temporada 2014-15 foi o compositor español actual máis programado por orquestas sinfónicas profesionales do estado español. Entre outros premios recibiu o AEOS-BBVA na súa sétima edición, o premio Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale ou o premio Harry Archer de composición orquestral (2006). Buide foi tamén compositor en residencia na Real Academia de España en Roma. Foi bolseiro da fundación Barrié de la Maza e do Instituto de Estudios Internacionales. É ademáis membro da sociedade honorífica Pi, Kappa, Lambda (Pittsburgh 2007). A súa música ten sido programada en festivais como o de Granada, Quincena Musical Donostiarra, Cádiz, San Sebastián, El Escorial, Dartington ou New Music New Haven. Os festivais Via Stellae e Are More dedicaron senllos monográficos á súa música. É membro fundador do Ensemble Música Práctica.
Fernando Epelde é un dos autores dramáticos galegos con máis proxección e adoita traballar en colaboración coa compañía Voadora. Entre as súas obras, pódense citar Caixa negra (Editado pola erregueté e obxecto dunha recente adaptación á banda deseñada por Manuel Tudela), Walkie Talkie, A guerra silenciosa, Street Art Symphonie, Drone, O mundo persistente, Calypso ou Garage, entre moitas outras. Compaxina o seu traballo como dramaturgo co desenvolvemento de varios proxectos musicais. O labor como dramaturgo de Fernando Epelde inclúe, polo xeral, o vínculo con outras disciplinas como a música, o cine e o vídeo. O groso da súa obra caracterízase por un certo grao de experimentación formal, moi influído pola edición de vídeo. A fragmentación é unha clave do seu traballo, tratando de achegarlle a cada obra os elementos que necesita, fuxindo do recurso polo recurso e cun especial coidado polos seus personaxes e as súas circunstancias. No conxunto das súas pezas prima a poesía por encima do experimento, cunha visión política definida aínda que sempre enmarcada no ámbito da ficción.
Paul Daniels é o director titular e artístico da RFG dende 2013 e tamén se encarga da dirección musical da Orquestra Nacional de Burdeos. Entre 2009 e 2013 foi o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth e foi director musical da English National Opera e da Ópera de North, ademais de principal director da Opera Factory. Foi director invitado das máis destacadas orquestras e compañías de ópera por todo o mundo. Dirixiu no Royal Opera House Convent Garden, en La Monnaie en Bruxelas, na Ópera Estatal de Baviera en Múnic, na Ópera Semper de Dresde ou no Metropolitan Opera de Nova York. Entre as súas numerosas gravacións destaca o éxito alcanzado polo CD coa Sinfonía núm. 3 de Elgar e o DVD da gravación de Lulú en La Monnaie coa soprano Barbara Hannigan. Coa Orquestra Nacional de Bordeos gravou obras de Wagner, Mahler e Chaikovski. En 1998 recibiu un Premio Olivier pola súa dedicación á ópera e nos New Year’s Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.
Marta Pazos é directora de escena, actriz e escenógrafa. É directora artística e dramaturga da compañía Voadora. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, comeza a dirixir no ano 2000 e desde entón asinou a posta en escena dunha veintena de espectáculos desenvolvendo o seu traballo (e a súa vida) a camiño entre Portugal e España. En 2011 recibe o XV Premio de Teatro María Casares á mellor dirección converténdose na directora máis nova en recibir este galardón. En 2013 recibe novamente o Premio María Casares de dirección ao que suma outro premio María Casares como mellor escenógrafa. Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: Martes de Carnaval para o Centro Dramático Galego, Soño dunha noite de verán, presentada no Centro Dramático Nacional en 2018; Joane un proxecto sobre a idiotez para a Capital Europea da Cultura-Guimarães 2012 interpretado por un grupo de adolescentes; Tokio3 ou o Don Juan de Molière. Pazos vén de dirixir a ópera Je suis narcissiste, de Raquel García Tomás, para o Teatro Real de Madrid.