in

Descentralización e recuperación dos monicreques tradicionais no Festival Titiriberia

Irene Vecchia Pulcinella
‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’ estenderá entre o 9 e o 15 de novembro unha programación que inclúe funcións escolares, animación do campo da festa na Feira de Francos, mesas redondas, mostras e cursos de formación para profesionais.

 

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo co apoio do Concello de Teo e da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro cunha programación que inclúe 12 funcións, unha mesa redonda, dúas exposicións, cursos de formación e unha serie de actuacións para os centros de ensino do municipio teense. Deste xeito, Titiriberia estende a súa programación durante sete xornadas e volverá centrar parte da súa atención na Feira do San Martiño, recuperando así a Carballeira de Francos como espazo de difusión dos monicreques tradicionais.

Neste 2019, o Festival Tititiriberia afondará ademais na “transversalidade”, de xeito que a súa programación está pensada para desenvolverse entre tres piares fundamentais: a descentralización, levando as actuacións a diferentes puntos do concello de Teo; a implicación do sector profesional, a través de cursos de formación que imparte a artista napolitana Irene Vecchia, e a aposta clara pola creación de novos públicos, mediante o conxunto de funcións, videoforums e obradoiros que se están a desenvolver nos institutos e colexios do municipio baixo o paraugas ‘Da barraca á aula’, programa escolar que se desenvolve ao abeiro das subvencións para actividades culturais da Deputación da Coruña. Así o explicaron onte a presidenta da Asociación Cultural Morreu o Demo, Comba Campoi; e a coordinadora do Titiriberia, Larraitz Urruzola que, xunto á concelleira de Cultura de Teo, Maite Argibay, e ao deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, participaron na presentación ante a prensa da cuarta edición do festival.

Precisamente, o plan de actividades nos centros do ensino Da barraca á aula principiou o pasado 8 de outubro no IES Cacheiras coa primeira sesión do videofórum, consistente na proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, producido por Tintiman Audiovisual e dirixido por Pedro Solla. Dende aquel momento, os monicreques fixéronse presentes en centros coma o CEIP Os Tilos, o CEIP A Igrexa de Calo, o CEIP A Ramallosa ou IES Cacheiras grazas aos obradoiros e ás vindeiras funcións para o público escolar que se desenvolverán ao longo dos vindeiros días.

Así, a primeira das representacións para púbico escolar celebrarase o vindeiro 12 de novembro, estará destinado ás alumnas e aos alumnos do último ciclo de primaria e correrá a cargo do compañía Fantoches Baj, que representará a súa peza Fábula Galénica en dúas sesións (10:30 e 12:30) no Auditorio Constante Liste. Nesa mesma xornada, no Salón de Actos do IES Cacheiras ás 13:35, actuará Marcelo Lafontana para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Dous días despois, o 14 de novembro, a compañía La pícara locuela representará El Faldón de la locura, montaxe dedicada ao alumnado de educación infantil no Auditorio Constante Liste en dupla sesión, ás 10:00 h. e ás 12:30.

 


Publicidade

Na Feira de Francos

Un ano máis, Titiriberia asentará a súa presenza na Feira de Francos polo San Martiño coa instalación da súa xa habitual Barraca. Este espazo escénico, situado na Carballeira de Francos, abrirá a súa actividade o domingo 10 de novembro ás 21:30 h. coa estrea de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo que. presentado por Iria Pinheiro co acompañamento musical do grupo Áureas, contará coas actuacións de clown, escapismo e manipulación de obxectos a cargo de Pajarito, Maria Dobronich (Arxentina), Quinquilláns, Trécola e Alakrán.

Xa o luns, día de San Martiño, a partir das 10.30 h. as compañías galegas Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas e a Cía Indignati da Asociación Galega de Commedia dell’arte encargaranse da animación de rúa e do campo da festa con diferentes actuacións que servirán para chamar a atención do público. Ás 11:30, na propia Barraca, chegará a quenda de Barriga Verde ataca de novo, espectáculo de Títeres Alakrán, e ás 12:30, a artista napolitana Irene Vecchia presentará a súa peza Pulcinella. A actividade na Barraca completarase pola tarde xa co artista de orixe brasileira afincado en Portugal Marcelo Lafontana que ofrecerá a partir das 16:00 un pase da súa peza Mamulengo Capiroto, que tamén se poderá ver pola mañá nunha primeira sesión ás 10:30.

A actividade de Titiriberia, lonxe da Feira de Francos, estenderase a diferentes puntos do Concello con tres espectáculos para o público familiar. O primeiro deles terá lugar o sábado 9 de novembro ás 18:00 no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou), que recibirá a Viravolta Títeres e a súa peza Barriga Verde. A segunda prográmase para o vindeiro mércores 13 de outubro no A.R.C Os Tilos e correrá a cargo da compañía galega Títeres Cachirulo que lle brindará ao público a súa peza Camiño de Aventuras. E a terceira celebrarase o venres 15 de outubro no local A.C.R San Xoán de Calo, que acollerá Juego de Polichinelas, da compañía segoviana La Pícara locuela.

Finalmente, a oferta de Titiriberia se completa coa exposición A grande familia do títere europeo, que se pode visitar até o día 15 na Piscina Municipal; a mostra sobre a historia de Barriga Verde que acollerá a propia Barraca na Feira de Francos e a mesa redonda que se celebrará este sábado 9 ás 20.00 na Casa Grande de Cornide baixo o título Onde vai a cachaporra? Títeres tradicionais no panorama galego. Nela participarán Topo Vidal, Irene Vecchia, Os Monicreques de Kukas e a titiriteira lalinense Pilar Álvarez Blanco.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Carlos Labraña

Carlos Labraña no Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas

Ames |

XIV Mostra de Teatro Afeccionado de Ames