in ,

XIV Mostra de Teatro Afeccionado de Ames

Ames |

A Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, organizada pola Concellería de Cultura de Ames xunto coa Deputación da Coruña, volve un ano máis coa representación de distintas pezas teatrais os días 8, 15 e 30 de novembro, cunha última sesión o 15 de decembro. Serán representadas nos diferentes auditorios do Concello, con entrada gratuíta ata completar aforo.

A mostra dará comezo o venres 8 de novembro, ás 21:00, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa obra teatral Urxencias, representada polo Club de Maiores de Boqueixón. Trátase dunha obra que recrea diferentes situacións que se viven nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar, sempre dende o humor e a parodia. O texto está baseado na coñecida obra Servicio de Urxencias de Suso de Toro.

O venres 15 de novembro, ás 20:00, a obra representada na Casa da Cultura do Milladoiro será Todos os camiños levan a Santiago, do Grupo Teatro Down Compostela. Participan nela 19 mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, que representarán sobre o escenario diferentes motivacións que teñen os miles de peregrinos que todos os anos visitan Santiago de Compostela.


Publicidade

A última peza teatral que se interpretara en novembro será o día 30, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00. A obra escollida para ese día é Bailamos, de Aquelando Teatro de Muros, que recolle vivencias propias representadas polos seus protagonistas co afán de recoñecelas e compartilas.

Xa por último, o día 15 de decembro ás 19:00 o Grupo Municipal de Teatro de Ames representará Criaturas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha obra teatral de Roberto Vidal Bolaño, das últimas comedias escritas polo autor, na que utiliza o mito de Frankestein para colocalo no medio dunha cidade na que os seus habitantes non parecen ser menos monstruosos que este coñecido personaxe. Unha comedia ácida que nos fará preguntarnos se o mostro ideado por Mary Shelley é de verdade máis criatura que a xente coa que nos relacionamos a diario.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Irene Vecchia Pulcinella

Descentralización e recuperación dos monicreques tradicionais no Festival Titiriberia

ValacarFrechas2 |

A Coruña acolle o II Festival de Teatro Valacar, co colectivo invidente como protagonista