Arranca a undécima edición do Encontro organizado pola Agrupación Teatral Mariñán e o Concello de Betanzos. O prazo de admisión de propostas remata o 30 de novembro.
BASES
1. O Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos nace coa vocación de promover e organizar actividades relacionadas co teatro, de contribuír á mellora da oferta cultural aos veciños de Betanzos e a súa comarca e de potenciar a divulgación das compañías teatrais afeccionadas galegas.
2. Ademais, como o seu propio nome indica, con este encontro anual o Concello de Betanzos e a Agrupación Teatral Mariñán pretenden crear un “lugar de encontro” de distintas compañías e grupos no que intercambiar experiencias e coñecementos por medio do desfrute das obras teatrais en si, sen afán competitivo.
CALENDARIO DE REPRESENTACIÓNS
3. O XI Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos terá lugar os sábados 1, 8, 15, 22 e 29 de febreiro de 2020.
4. O horario das representacións será ás 20:00 horas.
5. O lugar de tódalas representacións será a Aula de Cultura Xulio Cuns, situada nos baixos do Edificio Arquivo (praza de Galicia no 1).
6. Os labores de carga e descarga, así como a montaxe e desmontaxe de decorados e escenografía, serán realizadas por persoal da compañía ou grupo.
MEDIOS TÉCNICOS.
7. A Aula de Cultura de Xulio Cuns conta coas seguintes dotacións técnicas:
- Un escenario de 12 m. de ancho, 6 m. de fondo e 4,5 m. de alto.
- Toma de corrente de 25000 w.
- Tarima de madeira.
- Caixa negra con posible negro absoluto.
- Pano.
- Patio cun aforo de 220 butacas.
- Aparcamento reservado para carga e descarga.
As necesidades técnicas, tanto de medios como de persoas, serán contratadas pola organización sempre que o orzamento o permita.
CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN.
8. Dado o seu carácter, o Encontro só está aberto a grupos de teatro afeccionado.
9. Cada grupo pode presentar o número de obras que desexe, das cales só poderá ser seleccionada unha.
10. As obras poderán ser representadas tanto en galego como en castelán e deberán ter unha duración mínima de 60 minutos.
11. Non se poderán presentar obras seleccionadas en edicións anteriores deste certame, pero si poderán participar compañías que teñan participado en anos anteriores.
REQUISITOS DE INSCRICIÓN
12. Todo grupo que desexe participar no Encontro deberá enviar á Agrupación Teatral Mariñán:
- A “Ficha de inscrición” cuberta cos datos básicos do grupo solicitante e do espectáculo que presenta. (Poderá baixarse da páxina web da Agrupación Teatral Mariñán).
- Un enlace web (ou dvd) do espectáculo íntegro que representará para a súa visualización.
Os grupos seleccionados deberán completar o envío cun mínimo de 3 fotografías do espectáculo en formato dixital (preferiblemente jpeg) para a promoción do mesmo.
13. Todo isto por correo electrónico á dirección: [email protected]. Ou por correo postal á dirección:
Agrupación Teatral Mariñán
Rúa da Marina, no 2, 3o A.
15300 Betanzos. A Coruña.
Especificando: XI Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos 2020.
14. A documentación presentada pasará a formar parte dos fondos da organización, quen poderá usala para publicidade deste ou de posteriores encontros.
PRAZO
15. O prazo límite para a presentación da documentación conclúe o 30 de novembro de 2019.
SELECCIÓN
16. Os membros da Agrupación Teatral Mariñán encargados da organización seleccionarán de entre tódalas solicitudes presentadas aquelas que conformarán a programación desta edición, contando co visto bo do Concello, e acordará con cada compañía a data da súa actuación.
DIETAS
17. A organización aboará a cantidade de 400 € a cada grupo seleccionado para o Encontro en concepto de dietas por participación.
18. Para poder facer efectivo o ingreso das dietas, cada grupo deberá aportar no momento
en que lle sexa requerido pola organización:
- Unha certificación bancaria do número de conta do que sexa titular.
- Unha factura por 400 € a nome da Agrupación Teatral Mariñán en concepto de “Dietas por participación no XI Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos 2020”.
CONFORMIDADE
19. A presentación da documentación esixida implica a aceptación das presentes bases na
súa totalidade.
20. Calquera circunstancia non prevista nestas bases, así como a interpretación das
mesmas, será responsabilidade da Agrupación Teatral Mariñán e do Concello de
Betanzos de maneira inapelable.