Este venres 15 de novembro, ás 20:30, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e dentro da programación do programa TRC Danza, Titoyaya Danza presentará a súa creación Carmen.Maquia.
Carmen.Maquia é unha versión contemporánea do clásico de Merimée que mantén íntegro o seu argumento. Esta obra para 13 intérpretes foi cualificada por Chicago Sun como obra mestra e é unha peza de referencia que outras compañías, como Ballet Hispánico (Nova York) ou Ballet Met (Columbus), inclúen no seu repertorio.
Para crear Carmen.Maquia reúnense tres creadores: Gustavo Ramírez na dirección e creación coreográfica, o deseñador de roupa David Delfín, nun dos seus últimos traballos para danza, e Luís Crespo como escenógrafo habitual de Titoyaya Dansa.
Dúas obras de Picasso en relación á Carmen de Merimée serven de inspiración para a escenografía minimalista e para a elegancia e sobriedade que se deixa ver no vestiario ideado por David Delfín: Carmen de 1949 e Le Carmen des Carmen de 1964. Este traballo en branco e negro está moi presente na escena e defínea de principio a fin.
Carmen.Maquia foi publicada en formato blu-ray por Naxos USA, no programa Lincoln Center at the movies, cunha gravación en vivo realizada por Ballet Hispánico en Mesa Arts Center de Arizona e dispoñible para a súa distribución a nivel mundial. Titoyaya Dansa súmase ao longo percorrido desta peza coa súa particular versión a cargo do coreógrafo Gustavo Ramírez e a directora Verónica García Moscardó.
- Sete persoas e entidades foron distinguidas nos IV Recoñecementos de Escena Galega das Artes Escénicas - 07/07/2026
- Moaña acolle a primeira edición do Festival Internacional das Culturas Mar da Illa de Samertolameu - 03/07/2026
- O Convento de Santa Clara acolle a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra - 03/07/2026



