in

Marcel·lí Antúnez, Roger Bernat e Óscar Cornago no Congreso Internacional “Performa”

IVPerforma |
Do 27 ao 29 de novembro terá lugar o IV Congreso Internacional Performa, no Colexio Maior Fonseca e no salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

 

As xornadas contarán coa presenza de José Sanchis Sinisterra para a conferencia invitada, e de Marcel·lí Antúnez, Óscar Cornago e Juan Navarro ou Roger Bernat para conferencias performativas, ademais de corenta relatores e relatoras do ámbito dos estudos teatrais e performativos ou da escena profesional.

O Congreso pretende focalizar a mirada nos espazos, reais ou virtuais, relacionados con aquelas propostas teatrais/performativas que se afastaron dos escenarios tradicionais. Neste sentido, preséntanse as seguintes liñas temáticas nas que as comunicacións poden encadrarse:

  • O xiro performativo nas artes
  • Teatro e novos espazos
  • Artes escénicas e activismo social: a intervención do espazo público
  • Teatro e novos medios: o teatro dixital
  • Literatura expandida, poesía e performance
  • Artes audiovisuais e experiencias performativas: da instalación ao poscine

O propósito é afrontar estas liñas temáticas desde o ámbito hispánico sen descartar unha perspectiva comparada que atenda á aparición no contexto internacional de novas prácticas teatrais e performativas, cuxa natureza implique unha reconsideración do concepto de espazo.

Outro dos eixos fundamentais deste congreso será a análise das motivacións sociais e políticas que están detrás destas prácticas, do seu impacto cultural, ao que por suposto non será allea a noción de mediatización. Valorarase, por último, a dimensión intermedial ou posmedial do obxecto de estudo.

O mércores 27 de novembro, Marcel·lí Antúnez presentará a conferencia performativa Sistematurgia. Varietés. Antunez, un dos fundadores da compañía La fura dels Baus, está recoñecido internacionalmente como unha das figuras máis relevantes da arte electrónica e da experimentación escénica, que leva 30 anos desenvolvendo a súa arte en museos, galerías, teatros e espazos non convencionais en máis de 40 países.


Publicidade

O xoves 28 a xornada pecha con outra conferencia performativa: SE ALQUILA #1. Archivo universal del actor, de Óscar Cornago e Juan Navarro, que presentan como un libro vivo, un estudo sobre a memoria dos corpos, o pasado, a experiencia e o público, unha conversa imposible entre o mundo das ideas e a acción, o suxeito desta conferencia e o obxecto de estudo, arredor da memoria de Juan Navarro como actor, performer, creador escénico e director teatral.

Finalmente, o venres 29 terá lugar a perfomance Uti et abuti (el uso y el abuso), de Roger Bernat. Bernat crea espectáculos onde o público ocupa o escenario, como Domini Públic (2008), Pura coincidència (2009), La consagración de la primavera (2010), Please Continue: Hamlet (2011), Pendiente de voto (2012), Desplazamiento del Palacio de La Moneda (2014), Numax-Fagor-plus (2014) ou We need to talk (2015). No 2009 editou, con Ignasi Duarte, Querido Público. El espectador ante la participación: jugadores, usuarios, prosumers y fans.

O congreso está aberto a quen queira asistir, mais para obter un diploma acreditativo cómpre matricularse e facer un pagamento de 50 euros, a través do correo [email protected].

O programa completo pode consultarse aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

carmenmaquia titoyaya |

Titoyaya Danza presenta ‘Carmen.Maquia’ no TRC Danza da Coruña

Jauría |

O público do FIOT escolle ‘Jauría’, de Kamikaze Producciones, como mellor obra