in

Premio da Cultura de Galicia para Os Monicreques de Kukas

Kukas |
Isabel Rey e 'Kukas'
A compañía Os Monicreques de Kukas, dirixida por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, foi galardoada co Premio da Cultura de Galicia na modalidade de Artes Escénicas cando cumpre corenta anos de existencia.

 

Os Monicreques de Kukas veñen de recibir o Premio da Cultura de Galicia no apartado de Artes Escénicas. Outros premiados noutras categorías son Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres, nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.

Os Monicreques de Kukas é a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia e unhas das máis estables do panorama teatral galego. Creada por Marcelino de Santiago e Isabel Rey, neste 2019 cumpre 40 anos de existencia con actividade continuada, nos que produciron máis de 40 montaxes teatrais, entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor.

O traballo de Os Monicreques de Kukas céntranse na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de público. Considérase un exemplo de arte e de industria cultural, de investigación e innovación, tanto nas técnicas de construción e de manipulación como na procura de novas formas de exhibición, para o que colaboran con gran número de profesionais das artes escénicas, co IGAEM e coa Real Filharmonía de Galicia.

Fabanola e o televexo, foi a primeira montaxe de Monicreques de Kukas, estreada o 4 de marzo en Arzúa, durante a celebración da Feira do Queixo, escrita polo propio Kukas pola falta de textos para títeres na época. Logo virían Barriga verde, Toca que toca a muiñeira, Peluquillas Langarillas, e unha morea de espectáculos máis que foron medrando nunha complexidade técnica e argumental que desembocaría en espectáculos de gran formato como O MariscalUnha noite no Pórtico do ParaísoGaliza Máxica ou A Frauta máxica no maxín ou as colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia: O Retablo de Maese Pedro, O Carnaval dos Animais, San Nicolás ou O Castelo da Rocha Vella.


Publicidade

Polos Monicreques de Kukas pasaron manipuladores e actores como Javier M. Oro, Gena Baamonde, Eugenia Iglesias, Marcos Viéitez, Miguel Cabaleiro, Borja Insua, Raquel Queizás, Mario Tomás, Jorge Casas ou Isa García Coldeira. Na iluminación dos seus espectáculos teñen participado Suso Bermejo, César Lombera, Manuel Núñez, Francisco Veiga, Fili Cabaleiro, Javier M. Oro, ou Baltasar Patiño; no espazo sonoro, Suso Alonso Villalón; na escenografía, J Mendez; na construción e deseño dos obxectos, Antonio Cebrián, Baltasar Patiño, Javier M. Oro, Noe Orosa; no atrezzo, Mirari Urrusola ou Borja Insua, entre outros moitos creadores que participaron nalgunha ocasión coa compañía. E entre as voces que se poden escoitar nos seus espectáculos, están as de María Bouzas, Gustavo Pernas, Victor Lorenzo, X. M. Olveira «Pico», Ánxela Abalo, Carlos Clemente, Xan Cejudo, Xavier Estévez, Susana Dans, Paco Souto, Marcos Viéitez, María Pujalte, Pilar Pereira, Mela Casal, Evaristo Calvo, Belén Constenla, Xosé Vilarelle, Diego Varela, Rodrigo Roel, Manuel Guede, Andrés Pazos, Paco Oti, Miguel de Lira, Ernesto Chao, Luisa Martínez…

As súas obras destacan por unha proposta non violenta, de carácter didáctico e social, e contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante universo creativo particular. O seu traballo no mundo dos monicreques centrouse na creación de novos prototipos de marionetas, e na dignificación e promoción entre todo tipo de públicos desta arte. O 28 de marzo de 2019, Kukas estreou a súa última montaxe, Arlequina, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

As súas marionetas están en coleccións e museos como o Museo Galego da Marioneta de Lalín ou o Centro de Documentación de Títeres de Bilbao e cedidas ao Museo do Teatro de Almagro e o Parque Temático dos Pobos de España de Kintetsu, en Xapón.

Despois de 40 anos de profesión a compañía trata de rematar a súa andaina coa creación da Casa Dos Monicreques en Santiago de Compostela, un proxecto a favor do que votaron todas as forzas do Concello de Santiago pero do que, polo de agora, non se volveu falar no Consistorio compostelán.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Culturgal2019 |

Dez citas coas artes escénicas en Culturgal

kukasdoncela guerreira |

Monicreques de Kukas (1979-2019), 40 anos de tiruleques