O xurado destaca que o texto crea “un universo dramatúrxico, complexo e estruturado con habilidade, que propón un xogo coa linealidade e a causalidade do tempo”.
Fernando Epelde resultou ser o gañador do Premio Varela Buxán de Teatro promovido polo Concello de A Estrada. O autor foi o escollido onte polo xurado, polo seu traballo Engadir auga e esperar…, presentado baixo o lema Cousas que dormen lustros.
O xurado -integrado por Santiago Cortegoso, Ana Carreira e Chelo do Rejo- fallo destacan que o texto crea “un universo dramatúrxico, complexo e estruturado con habilidade, que propón un xogo coa linealidade e a causalidade do tempo”. También valoran o traballo de documentación de feitos e circunstancias históricas que realiza o autor e que enriquecen o relato.
Fernando Epelde é un dos autores dramáticos galegos con máis proxección e adoita traballar en colaboración coa compañía Voadora. Entre as súas obras, pódense citar Caixa negra (Editado pola erregueté e obxecto dunha recente adaptación á banda deseñada por Manuel Tudela), Walkie Talkie, A guerra silenciosa, Street Art Symphonie, Drone, O mundo persistente, Calypso ou Garage, entre moitas outras. Compaxina o seu traballo como dramaturgo co desenvolvemento de varios proxectos musicais. O labor como dramaturgo de Fernando Epelde inclúe, polo xeral, o vínculo con outras disciplinas como a música, o cine e o vídeo. O groso da súa obra caracterízase por un certo grao de experimentación formal, moi influído pola edición de vídeo. A fragmentación é unha clave do seu traballo, tratando de achegarlle a cada obra os elementos que necesita, fuxindo do recurso polo recurso e cun especial coidado polos seus personaxes e as súas circunstancias. No conxunto das súas pezas prima a poesía por encima do experimento, cunha visión política definida aínda que sempre enmarcada no ámbito da ficción.