in

Esta semana comeza en Ourense a Mostra de Teatro Infantil, a MOTI

Cartoons |
A XVI edición da Mostra comeza o sábado e contará con 14 compañías e 16 funcións.

 

Catorce compañías e 16 representacións en seis días de actividade son as cifras coas que se presenta este ano a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti). Cun anticipo de teatro de rúa, o sábado 21 de decembro, a programación da mostra desenvolverase do 26 ao 30 de decembro, e nela volverá a ter un protagonismo destacado o campus de Ourense, xa que ademais de ser unha das entidades que financia o certame acollerá varios dos seus espectáculos e incluirá nela a actuación da súa Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto.

A rolda de prensa de presentación da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense contou coa participación do director da Moti, Fernando Dacosta; a directora da Área de Dinamización Cultural do Campus, Ana María Torrado; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e o técnico de Cultura do Concello de Ourense, Manuel Freire. Todos coincidiron en destacar a relevancia desta cita do Nadal, que é “parte viva das actividades da cidade”.

Fernando Dacosta foi o encargado de explicar as características desta edición da Moti, que leva por lemas “dedicarlles o teu tempo é o mellor agasallo” e “unha nova xeración de nenas e nenos Moti”, atendendo a que a mostra cumpre 16 anos. Sobre a programación, o director lembrou como se desenvolverá no campus de Ourense, no Auditorio Municipal e no Teatro Principal, ademais das rúas da cidade. O teatro das 14 compañías participantes será “fundamentalmente teatro galego, porque hai un teatro infantil de moitísimo nivel”, aínda que tamén acudirán compañías de Andalucía, Euskadi e Asturias.

As 16 representacións que se poderán ver abranguen unha gran diversidade de xéneros: teatro de rúa, de actor, de sombras, para bebés, de marionetas, de obxectos, xestual e de máscaras, circo, clown, teatro musical e concertos.

O orzamento da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense ascende a 45.000 euros. O prezo das entradas será de tres euros nas representacións nos espazos universitarios e na actuación de Geppetto e de catro euros no resto de espectáculos, excepto os de animación de rúa que son de balde.

A programación comeza este sábado, día 21, na rúa do Paseo, ás 18:30, con Trécola Teatro e o espectáculo Ssssupermoti.


Publicidade

A partir dos xoves, día 26, comezará o groso do programa, na súa maioría s a espectadores a partir dos tres anos, se ben algunhas propostas son pensadas para bebés e outras, máis complexas, para nenos maiores de sete anos.

O xoves 26, a compañía Sincronacidas presentará OhLimpiadas! no Teatro Principal, ás 17:00. Logo, ás 18:15, na sala Pardo Bazán, poderá verse Cartoóns, a coprodución de PT Excéntricas e Teatro do Adro. Ás 18:15 e ás 19:30, a Aula Universitaria de Teatro Infantil Gepetto, representará Mati e os superpoderes, con dirección de Elena Seijo.

Xa o venres 27, ás 17:00, no Teatro Principal, A Gramola Gominola presentan Bravas. O rexurdir da luz, o seu novo traballo. As 18:15, na sala Pardo Bazán, a compañía asturiana La Mona Simona porá en escena La sonrisa del lagarto, un espectáculo que mestura as sombras chinesas, os monicreques e a narración. E as 19:30, os andaluces de A la sombrita levarán á MOTI El tesoro de Barracuda, ao Auditorio Municipal.

O sábado 28, ás 12:30 e ás 17:00, no Teatro Principal, Caramuxo presenta un espectáculo para a primeira infancia: Zapatos. E ás 19:30, no Auditorio Municipal, a compañía andaluza Vaivén Circo leva ata Ourense Esencial, un espectáculo en que unha sempre cambiante escenografía ten un papel fundamental.

Xa o domingo 29, Marionetas Trécola estará no Auditorio Muncipal, ás 17:00, con The Piccole Theatre, unha obra na que o público se converte en gran protagonista, participando activamente durante todo o show. Ás 18:15, na antiga capela do Campus, Xampatito Pato presenta , un espectáculo que presenta un ser único rodeado dunha morea de caixas coas que xoga para lle dar forma ao seu mundo. E ás 19:30, a compañía de Euskadi Marie de Jongh leva ao Auditorio Municipal o seu espectáculo Amour.

A MOTI remata o luns 30 con dous espectáculos: ás 17:00, no Teatro Principal, estará A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafellos. E as 19:30, no Auditorio Municipal, Xoán Curiel e a Banda do Verán pecharán a mostra con A casa do terror, un espectáculo musical con cancións, teatro, danza, clown e moita participación do público.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AbrenteArte |

O Museo Etnolóxico de Ribadavia mostra a colección de arte da Agrupación Cultural Abrente

Fernando Epelde |

Fernando Epelde gaña o Premio Varela Buxán de Teatro