in

Afundación presenta a tempada para Vigo e Pontevedra

EsperandoAGodotAntonioSimon |
Afundación vén de anunciar a súa tempada de teatro para o primeiro semestre de 2020 en Vigo e Pontevedra. Compañías como Chévere e Els Joglars subirán ao escenario até xuño.

 

Curva España, de Chévere, abrirá a tempada, o 16 de xaneiro en Vigo e o 17 en Pontevedra. Curva España vai dun crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes. A peza xoga co formato documental, combinando teatro e cinema en directo. Funciona coma unha alegoría da construción do estado-nación español, coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou.

Esperando a Godot, de Samuel Beckett, nunha montaxe dirixida por Antonio Simón, estará en Vigo o 7 de febreiro e en Pontevedra o 9 dese mes. Mancheas de humanidade en personaxes desamparados, errantes, desacoplados, que nos lembran que o ser humano, aínda en situacións moi difíciles, é quen de se erguer ou, canto menos, como fai Estragón no final da obra, de volver poñer os pantalóns, que a falta de cinto se atan cunha corda.

O 20 (en Vigo) e 21 (en Pontevedra) de febreiro será a quenda de La golondrina, unha obra de Guillem Clua, dirixida por Josep María Mestres e interpretada por Carmen Maura; unha montaxe inspirada directamente no ataque terrorista do bar Pulse de Orlando (EE.UU.) en xuño de 2016 e que se pregunta que é o que nos fai humanos.

Xa en marzo, o 5 en Vigo e o 6 en Pontevedra, chegará unha versión de El coronel no tiene quien le escriba, de Gabriel García Márquez, a cargo de Carlos Saura. A cobiza do pobo, a usura dos supostos amigos, a fatalidade e estupidez da guerra, mestúranse coa soidade dun vello coronel vencido pola vida, mais ao que aínda lle quedan dous tesouros: o amor e a dignidade.


Publicidade

O 26 de marzo, en Vigo, Teatro do Noroeste presentará As virxes salvaxes, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, unha aloucada comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír os nosos maiores en institucións que os atendan e coiden.

O 1 de abril en Vigo e o 2 en Pontevedra, chegará Un marido ideal, de Oscar Wilde, nunha versión dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente. Unha crítica divertida e irónica da sociedade contemporánea coa corrupción no primeiro plano e o inesgotable enxeño de Wilde como vehículo.

O 6 de maio en Vigo e o 8 en Pontevedra, Els Joglars ofrecerá un espectáculo cunha serie de alucinacións que serven para construír unha mordaz crítica sobre Cataluña, Señor Ruiseñor, dirixida por Ramón Fonserè.

A tempada rematará con Sé infiel y no mires con quien, de John Chapman e Ray Cooney. Unha comedia que leva dez tempadas en cartel e que conta entre as súas intérpretes á galega Teté Delgado. O 10 de xuño en Vigo e o 11 en Pontevedra.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

santaineslibro |

Lorena Conde presenta ‘Santa Inés’ en Compostela

GranTeatroPequenosCDG |

Aporía e Talía ofrecen teatro e obradoiros para a cativada da man do CDG