A XXI edición dos Domingos do Principal de Pontevedra botará a andar o domingo 12 de xaneiro no Teatro Principal. En total, serán sete espectáculos que comprenden desde clown a musicomedia xestual, e que terán lugar en dúas sesións, ás 12:00 e ás 18:30.
Domingos do Principal arrincará o 12 de xaneiro coa obra Só, de Xampatito Pato. Continúa o 19 de xaneiro con Viaxe ao centro do corpo humano, de Spasmo Teatro (Salamanca); Concerto con fusión de Píscore, o 26 de xaneiro; Nómades, de Xarope Tulú, o 2 de febreiro; Universario, de Marcel Gross (Cataluña), o 9 de febreiro; Alicia e as cidades invisibles de Onírica Mecánica (Cartaxena), o 16 de febreiro; e Vida de Compañía Javier Aranza (Zaragoza), que pon o punto final o 1 de marzo.
O ciclo contará cun total de 17 pases, incluíndo 3 concertados con escolares de primaria.
Os Domingos do Principal é un ciclo que adoita esgotar as súas entradas e que abre as portas do Teatro Principal durante sete domingos en horario de mañá e tarde (12.00 e 18.30 horas) co fin de facilitar a asistencia dos nenos e nenas, dun público familiar que aprende a valorar e amar o teatro dun xeito lúdico, unha paixón que se estende no tempo.Este ano, o ciclo cumpriu vinte anos.