in ,

Centro Dramático de Viana presenta a súa programación para 2020

TeatroSaDeMiranda2 |
Cinco espectáculos de produción propia, tres festivais, recepción de decenas de espectáculos e espazos de formación e accións para o desenvolvemento de teatro de base, entre as actividades que se desenvolverán no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo.

 

O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana do Castelo xa ten preparada a súa programación para o 2020. O Teatro Municipal Sá de Miranda vén de presentar o programa que inclúe a creación de cinco espectáculos de produción propia, a recepción de decenas de espectáculos ao longo do ano, tres festivais, espazos de formación e accións para o desenvolvemento de teatro de base. Entre os diferentes proxectos dos que participa para o próximo ano, o Centro Dramático de Viana integra o programa de Comemorações Nacionais do Centenário do autor Bernardo Santareno, dentro do que será presentado o espectáculo O lugre, baixo a dirección de João Mota.

Dentro da actividade prevista para o próximo ano, o Centro Dramático de Viana producirá cinco espectáculos de creación propia dirixidos a diferentes franxas de idade, desde o público adulto ao infantil pasando polo público adolescente. Así, o mes de febreiro será o tempo para Mas alguém me perguntou se eu queria ir ao teatro?!, con texto e dirección de Ricardo Simões, mentres que do 27 de febreiro a 27 de marzo subirá ao escenario vianense a adaptación dirixida por Tiago Fernandes do texto O gato Malhado e a andorinha Sinhá, de Jorge Amado. De igual modo, do 27 de abril ao 4 de xuño, o público poderá asistir á peza Se tu visses o que eu vi, unha co-creación de Raquel Amorim, Elisabete Pinto e Ana Perfeito. Finalmente, do 26 de xuño ao 4 de xullo, Viana acollerá a presentación de O lugre, un texto de Bernardo Santareno con dirección de João Mota, mentres que no mes de outubro o Teatro do Noroeste subirá a escena a súa versión de Falar verdade a mentir, de Almeida Garrett con dirección de António Capelo.

Tanto dentro do seu programa regular como nos diferentes festivais que ofrece, o Teatro Municipal Sá de Miranda acollerá máis de trinta espectáculos entre os meses de xaneiro e decembro. Así, o 10 de xaneiro, a compañía Teatro Art’Imagem será a primeira en pasar polo TMSM co espectáculo Noites brancas con dramaturxia e dirección de Pedro Carvalho. Aínda en xaneiro, o día 25 será posible asistir a 40 mil quilovátios, unha proposta da compañía Teatromosca con texto de Paulo Campos Reis e dirección de Pedro Alves.

Pola súa parte, febreiro será tempo para a compañía Artistas Unidos, que visita Viana co espectáculo Vidas íntimas, de Noël Coward baixo a dirección de Jorge Silva Melo. De igual forma, no mes de marzo desembarcarán no TMSM a compañía O Teatrão de Coimbra con A grande emissão do mundo português e o Teatro Estúdio Fontenova de Setúbal con A paz perpétua, de Juan Mayorga.

O 23 de maio será tempo para Penumbra, a estrea da proposta da lisboeta Bruna Carvalho. O 30 de maio será a quenda de A prudência morreu de velha, un texto de Cláudio Gotbeter con dirección de Eduardo Faria que a Companhia Certa do Varazim Teatro achegará ao Café Concerto do TMSM.

Xa no mes de xuño, a Companhia de Teatro do Algarve presentará Instruções para abolir o Natal de Isabel das Santas mentres que o 3 de outubro a Companhia de Teatro de Almada presentará a peza Se isto é um homem, de Primo Levi baixo a dirección de Rogério de Carvalho.


Publicidade

 

Festivais

Ademais do IV Festival de Teatro de Viana do Castelo que como vén sendo habitual terá lugar do 10 ao 18 de novembro, entre o 30 de abril e o 17 de maio o Teatro Municipal Sá de Miranda acollerá tamén as propostas incluídas no DDD+FITEI: unha fusión do novo e robusto festival de Dias De Dança e o histórico e renovado Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto.

De igual modo, dentro do tempo dedicado aos festivais, no mes de setembro regresará unha nova edición do III Festival Transfronteiriço de Teatro Amador no que se presentará o traballo gañador da bolsa TEIA de Creación de Teatro Amador impulsada desde o CDV xunto coas propostas chegadas de Galicia e Castela-León.

O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana estará presente en diferentes territorios con 20 presentacións das súas creacións en espazos de Portugal, España e Brasil dentro de festivais como o Yesu-Luso Festival de Teatro em Língua Portuguesa na cidade de São Paulo e de espazos incluídos no Circuíto Ibérico de Artes Escénicas. De igual forma, o Serviço Educativo continuará o seu traballo de mediación entre público e creación a través das actividades como o Digestivo, o Gestu, o Ver com as Mãos. Implicados tamén coa documentación e a divulgación das artes escénicas, a Coleção do Noroeste, editará en 2020 tres novos números de dramaturxia inédita en Portugal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SeFosenTuristasLevaríanGafasDesol |

Se fosen turistas levarían gafas de sol

Xanela do Maxín

IV edición do Festival de Títeres de Brión