in

Viveiro celebra o centenario do Teatro Pastor Díaz

PastorDiaz100ANOS |
O Concello de Viveiro celebra este sábado, de forma oficial, o centenario do Teatro Pastor Díaz, cun acto conmemorativo e a inauguración dunha exposición sobre a historia do edificio.

 

O acto central no Pastor Díaz comezará ás 20:30 horas da man do historiador Suso Martínez, que dará paso á concelleira de Cultura, Lara Fernández. Posteriormente, o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo, repasará os principais fitos históricos do teatro.

Haberá música da man de gaiteiro David Bellas, de Bágoas da Terra e da Coral Alborada. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, pechará o acto, que terá varias sorpresas para convertelo nun evento especial.

A mostra estará situada no hall, onde tamén se instalará unha placa conmemorativa feita por Alfonso Otero Regal, e nos próximos meses haberá outras actividades para completar o centenario oficial, para o que se fixo tamén un cartel, “elaborado a partir dos elementos máis representativos de teatro e que fai recordar o escudo de Viveiro”.

“Será un acto moi especial, o emblema da nosa vida cultural cumpre 100 anos e temos que celebralo como se merece, cunha homenaxe e unha exposición que percorre a vida do edificio, que é tamén gran parte da vida de Viveiro do último século”, asegura a alcaldesa de Viveiro.

Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación. Foi reinaugurado no ano 2001.

Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.


Publicidade

 

O teatro

Proxectado por Mario Páez Suárez, na parte alta do escenario ten gravados os rostros de Rosalía de Castro e de Pastor Díaz, obras de Sandra Escohotado Gil e Fernando Cano Vidal.

O edificio ademais dun teatro con ambigú e a vivenda do empresario, tiña unha chocolatería, colindante con outro edificio do mesmo promotor. A diferenza doutros grandes teatros da época, situados en amplos espazos, o Pastor Díaz está localizado no casco vello de Viveiro, entre estreitas rúas, sen a monumentalidade propia do xénero.

Componse de tres zonas: a primeira ten planta trapezoidal apoiada na rúa Constanza de Castro, cun frente de 11 metros sobre o que se elevan tres plantas. A segunda zona corresponde ao salón de espectadores que ten forma de U, cos seus palcos arredor do patio de butacas. O espazo interior segue os esquemas dos clásicos dos teatros italianos.

A terceira zona corresponde ao escenario, sobre a rúa Luís Trelles. Despois da rehabilitación, debaixo do escenario están os camerinos. A fachada principal que da á rúa Constanza de Castro ten tres ocos a cada altura, cuxa única decoración son unhas máscaras representativas do teatro clásico e as ménsulas dos balcóns con dous escudos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MaginBlanco |

Presentación de ‘Magín Blanco. O camiño da luz’, de Carlos Negro

ACriaturaCTB |

Teatro À(s) Quintas na Maia