in

XVI Festival Isto Ferve no Teatro Ensalle de Vigo

AntesDEQueLlegueLaBestiaEnsalle |

O Teatro Ensalle presentará, ata marzo, un total de seis pezas, catro delas dentro do programa do XVI Festival Isto Ferve: Antes de que llegue la bestia, da compañía Ensalle; Schumann Amateur, da Cía. Rubén Ramos Nogueira; Fäustino VI o 126 Caballos, da Cía. Sergi Fäustino; e Vida y materia – Entreactos – Poemas lentos, da Cía. Antonio Fernández Lera. Ademais, Ensalle estreou onte o último espectáculo de Pálido Domingo, Pentecostés –que seguirá en cartel até o domingo–, e rematará o trimestre cunha peza de Carmen Werner, El abrazo.

 

Pentecostés, de Pálido Domingo [23-26/01]

O que acontece en Pentecostés parece maxia. Pero non o é. Non é un milagre. Non é unha revelación. Non é nada importante que pasará á Historia. En realidade non é nada sumamente relevante. É fráxil. E é forte. É un fío de luz a través dun muro de pedra. Pentecostés é querer ver. É un acto de fe.

Esta é a acción sinxela que Diego fai obsesivamente desde fai uns anos para reafirmar o seu apoio plantar e recolocar o seu centro. Esta é a rutina que Fran repite día tras día. Pregúntase que é o que procura insistindo nestes movementos unha e outra vez. Belén está empeñada en mostrar ao mundo unha imaxe de forza. Dubida de se realmente é forte ou pensa que o é. Accións. Prácticas. Rituais. Movementos que repetimos unha e outra vez, día tras día. Case sen cansarnos, case sen darnos conta. Unha liturxia pagá na procura dun instante.

 

Antes de que llegue la Bestia, de Cía. Ensalle [13-16/02] XVI Festival Isto Ferve

A peza enmárcase no contexto Canchales; unha iniciativa de investigación escénica promovida en 2016 pola Compañía Ensalle, na cal se convida a creadores da escena contemporánea a participar dos procesos de creación da compañía, posibilitando experimentar camiños comúns e afondar en ideas desde distintas perspectivas. Neste caso a colaboración se está a realizar con Terrorismo de autor e Antoine Forgeron (Canchal VI), Terrorismo de autor (Canchal VI.2) e Sergi Fäustino (Canchal VII).

Besta é a palabra clave da peza. A Besta política e económica, a Besta social, o que deixou a Besta nos nosos corpos, a miña propia Besta. A ollada sitúase no contexto socio-político actual, hoxe. Como está construído o sistema, como nos afecta, como nos relacionamos con el, como podemos evidenciar á Besta, como podemos destruír a evidencia. Bailar abatidas, militar verbas, a acción como rastro do posible, camiñar igual de fronte que de costas, oubear. Pequenas revelacións ou presentimentos.

 

Schumann Amateur, da Cía. Rubén Ramos Nogueira [21-23/02] XVI Festival Isto Ferve

Un tipo que toca o piano obsesionado con Clara Schumann, pianista e compositora nacida hai douscentos anos. Unha actriz que baila e apenas fala. Unha violinista e unha violonchelista que se xuntan para montar un trío. Un iluminador que se toma unhas vacacións da mediocridade coa que se enfronta decote.


Publicidade

O terceiro episodio de AMATEUR, despois dos adicados a Orlando Gibbons e ás Variacións Goldberg, “cuestiona as xerarquías e as convencións do mundo da cultura, a arte e o traballo en relación coa súa construción pública. A través dunha práctica que se expón abertamente entre a creación artística e a necesidade vital, entre a cultura e o goce, abre un territorio de reflexión, percepción e intercambios que responde antes a un impulso persoal e compartido, algo potencialmente ao alcance de calquera, que a unha moda artística ou corrente cultural imposta”.

 

Fäustino VI o 126 Caballos, da Cía. Sergi Fäustino [28/02 – 01/03] XVI Festival Isto Ferve

A proposta é froito dun proceso de creación en continuidade que comezou en 2012. Para as presentacións en Ensalle vai haber unha parte de documentación gráfica das distintas formas que colleu o traballo segundo o momento e o lugar de presentación, un apartado audiovisual no que se poderán ver e oír as ramificacións do traballo neste formato, e un espazo para a escena.

En escena vai haber un corpo bailando xunto cunha voz en off de alguén que olla e analiza o corpo que se move, o corpo que baila; e que fai unha inmersión no interior deste corpo, no interior desta persoa, para compartir todas aquelas vicisitudes da súa vida que o levaron a estar diante de nós movéndose dun xeito único. Partindo así do estritamente físico para chegar a algo que transcende o corpo. A proposta pretende pór sobre a mesa unha visión desde o corpo e a través do corpo, coa conciencia de que é importante que esta visión exista -xunto con outras moitas-, nun momento en que a tendencia é ir cara unha visión única.

 

Vida y materia – Entreactos – Poemas lentos, da Cía. Antonio Fernández Lera [06-08/03] XVI Festival Isto Ferve

En palabras do seu autor: “Non sei moi ben por que, véñenme á cabeza dúas palabras relacionadas coa tradución (coa miña experiencia como tradutor, bastante inseparable das miñas outras experiencias vitais): a primeira é re-enactment: recreación, reconstrucción, repetición ou reprodución exacta dunha creación escénica do pasado… algo así como unha restauración imposible, unha recreación que non pode ser arqueolóxica; a segunda palabra enlaza coa primeira porque pode semellar unha broma pero non o é: a(na)rcheology, a(na)rqueoloxía, é o neoloxismo elexido polo artista neoiorquino Gordon Matta-Clark para referirse as súas intervencións poéticas, brutais, fermosas, un pouco nostálxicas e pode que incluso inxenuas vistas hoxe, nos espazos urbanos de Nova York. Hai uns anos puiden escribir en branco sobre as paredes negras dunha pequena sala do Teatro Ensalle uns cantos poemas de Vida y materia e alí permañeceron ata que as paredes aguantaron. E agora que?”

 

El Abrazo, da Cía. Carmen Werner [13-15/03]

Segundo un dos autores da peza, Leyson Ponce, “no noso proceso creativo,foi o acontecemento que permitiu facer vibrar a fráxil fisionomía dun encontro sobre outras teatralidades do corpo. Desde si mesmo e na súa propia cualidade, querer e poder abrazarnos fixo posible un estado entre a necesidade e a dificultade de opoñernos ao esvaecemento, a traves do xesto expresivo e o movemento que procura unha totalidade harmoniosa. Entre outras fontes baseámonos nas imaxes do pintor estadounidense Edward Hopper.”

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OlallaRodil |

O BNG pide a dimisión do director de AGADIC tras a supresión da dirección do CCG

Vazquez Pintor

Presentación de ‘Teatro de Pintor’, de Xosé Vázquez Pintor