O novo espectáculo de Albert Pla titúlase Miedo e nel afonda na utilización de música e cancións, textos teatrais e tecnoloxías vangardistas para crear un espectáculo multimedia de poética sorprendente. Hoxe preséntao no Auditorio de Galicia ás 20:30.
O texto propón unha viaxe íntima por todas as etapas do home, desde a infancia até máis aló da vida terrea, cargado de sensacións, emocións e sentimentos nados da pantasma que habita na nosa mente. Alimentado polos nosos pensamentos: o medo. Nesta peza de teatro musical, concerto ou recital teatralizado, convídase a realizar un repaso cargado de ironía polos temores humanos cotiáns tales como o medo a un mesmo ou o temor á morte.
Miedo é un espectáculo de gran impacto visual onde a proxección é gran protagonista e “nueveojos” un dos estudos de referencia en Europa e pioneiros no mundo do mapping súmanse ao proxecto. Entre as súas creacións destacamos o mapping da Casa Batlló de Gaudi.
A achega do deseño de arte é de “Mondongo”, Juliana Lafitte e Manuel Mendanha, unha parella de artistas arxentinos de recoñecido prestixio no mundo da arte que expoñen en museos e galerías de todo o mundo.
As músicas foron compostas por Raül Refree: músico, compositor e un dos produtores musicais máis talentoso de España.
O director teatral Pepe Miravete, convértese nun habitual da casa volvendo dirixir este novo espectáculo.
A estrea mundial foi en Buenos Aires no Teatro Regio do 25 de xaneiro ao 11 de marzo de 2018, sumando un total de 28 funcións co teatro cheo e o público en pé.
É unha produción do Complejo Teatral de Buenos Aires.