in

Carlos Blanco e Touriñán volven aos escenarios con ‘Unha noite na praia’

noitenepraia08 |
Percorrerán entre marzo e xuño ao menos nove localidades de toda Galicia na segunda xira dun espectáculo que na súa primeira xira, a pasada primavera, tivo unha sensacional acollida no público, que encheu os teatros con ata dobres e triples funcións.

 

Carlos Blanco e Touriñán volven á praia. Case un ano despois dunha exitosa primeira xira con máis de 20.000 espectadores nos teatros de toda Galicia, o espectáculo escrito e dirixido por Javier Veiga ten novas datas coas entrada xa á venda. As citas serán na Coruña (Teatro Colón, 13 ao 15 de marzo), Narón (4 de abril), Vigo (17 e 18 de abril), Lugo (15 e 16 de maio), Santiago (23 e 24 de maio), Cangas (29 e 30 de maio), Ourense (6 e 7 de xuño), Vilagarcía (12 e 13 de xuño) e Pontevedra (19 e 29 de xuño).

Unha noite na praia é unha comedia de dous personaxes. Dous tipos moi distintos que coinciden ao solpor nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, que se parecen o mesmo que o restaurante do Ikea a un furancho da aldea.

Manu é o empregado dun chiringuito nunha praia galega que unha noite recibe a visita de Klaus, un sueco teimudo que se nega a marchar. Un deles quere pechar e marchar para a súa casa, o outro quere quedar deitado nunha das hamacas para curar un mal de amores. Desta premisa parte unha comedia intelixente que vai revelando pouco a pouco o pasado doloroso dos personaxes, as súas ilusións, as súas frustracións, e a verdadeira relación que existe entre eles, onde polo menos un dos dous non é quen di ser e a súa presencia alí non é unha casualidade. A obra constitúe un retrato con moito humor da realidade do pais e a intricada relación que temos cos nosos turistas.

O textosde Javier Veiga non ten fronteiras. Alfonso Dosal e Odiseo Bichir deron vida no ano 2015 a Manu e Klauss en México á adaptación da obra do autor galego dirixida naquela ocasión por Alejandro Ricaño, e que obtivo o ‘Premio á mellor comedia do ano’ concecido pola Asociación da Prensa Mexicana.

O interese que o público de latinoamérica amosa polo traballo de Veiga e máis que evidente: o seu último traballo na ficción televisiva, a comedia romántica Pequeñas Coincidencias, chegará aos Estados Unidos a través de NBC, que encargou a adaptación da serie protagonizada polo propio Veiga e Marta Hazas, e que en España é posible ver en Amazon Prime Vídeo.


Publicidade

 

Touriñán e Carlos Blanco suman tres anos xuntos nos teatros

Desde que no 2018 bateran todos os records, convertendo Somos Criminais no espectáculo coa maior recadación da historia do teatro galego, Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco suman decenas de funcións xuntos sobre os escenarios. Unha química que viña de tempo atrás, que se confirmou na gravación da serie Fariña, e que deu nunha das combinacións máis exitosas no panorama teatral do noso país.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MiedoAlbertPla |

‘Miedo’, de Albert Pla, no Auditorio de Galicia, este sábado

RosaliaCulturactiva |

Culturactiva leva a infancia de Rosalía ao teatro