O espectáculo Somos Criminais, protagonizado por Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco e dirixido por Tito Asorey, vendeu –segundo datos da SGAE– 50.000 entradas dende a súa estrea hai nove meses, converténdose así no espectáculo con maior número de entradas vendidas da historia do teatro galego.

Touriñán e Blanco valoraron esta mañá, nunha rolda de prensa no Teatro Colón da Coruña, o que supón un fito sen precedentes na dramaturxia do noso país.

O resumo de Carlos Blanco non podía ser máis visual: “Cos espectadores de Somos Criminais poderíamos encher Riazor e Balaídos á vez”. Ambos mostráronse moi agradecidos ao público da función, e aseguraron sentirse sorprendidos e emocionados por uns datos que nin por asomo sospeitaban ao inicio da xira.

Desde a estrea na Illa de Arousa, hai nove meses, Touriñán e Blanco pasaron polas sete cidades galegas e outras tantas vilas, programando dúas, tres, catro e ata seis funcións nunha mesma fin de semana, colgando o cartel de ‘entradas esgotadas’ en todas e cada unha delas.

No mes de xaneiro rematan a segunda xira na Coruña (seis funcións, do 11 ao 13 de xaneiro), Ourense (18 e 19 de xaneiro) e Narón (25 e 26 de xaneiro). Despois, segundo declararon esta mesma mañá “tocará atender a outros proxectos, sobre todo compromisos relacionados co audiovisual, sen descartar volver con este espectáculo nalgún momento”.

Os protagonistas de Somos Criminais quixeron facer tamén unha valoración sobre o estado do teatro galego na actualidade, e do seu futuro. “Xa pasaron os tempos nos que ao teatro galego o mandaban ao auditorio pequeno dun barrio e ao Colón viñan as compañías de Madrid, agora somos nós os que enchemos, con teatro galego, seis veces nunha fin de semana o Colón” -apuntou Carlos Blanco. Touriñán referiuse tamén á importancia de que o teatro sexa entendido pola xente como un plan máis de lecer, “como ir ao fútbol ou a un concerto”. “Ao teatro hai que vir para pasalo ben, e quen proba sabe que se pasa ben, e que é unha experiencia marabillosa” -dixo.

Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Somos criminais trata de responder estas cuestións en clave de humor, analizando e dramatizando crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego.

No mes de xaneiro rematan a segunda xira na Coruña (seis funcións, do 11 ao 13 de xaneiro), Ourense (18 e 19 de xaneiro) e Narón (25 e 26 de xaneiro). Despois, segundo declararon esta mañá “tocará atender a outros proxectos, sobre todo compromisos relacionados co audiovisual, sen descartar volver con este espectáculo nalgún momento”.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos