| Foto: Marcos Martínez |
O Auditorio da Illa de Arousa será esta noite o escenario da estrea de Somos Criminais: dous dos talentos máis prolíficos da comedia en Galicia, Carlos Blanco e Touriñán, únense por primeira vez nun espectáculo conxunto, baixo a dirección de Tito Asorey e cun texto inédito de José Prieto.
Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Para responder a estas preguntas, Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego. A conclusión é clara: Somos Criminais.
O espectáculo terá unha segunda función na Illa mañá sábado para logo visitar Vimianzo, Viveiro, Ferrol, Cangas, A Coruña, Vilalba, Lugo, Vilagarcía, Melide, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ponteareas, A Rúa, Burela e Narón neste primeiro semestre de 2017, nunha xira para a que as entradas están xa esgotadas en numerosas localidades.
Somos Criminais é unha produción de Condetrespés e Undodez, coa colaboración de Ainé Producións.
- O Centro Ágora da Coruña acolle a I Mostra do Programa de Acompañamento á Creación Escénica (PACE) - 31/07/2026
- NOGA organiza a primeira edición das súas xornadas formativas de narración oral - 30/07/2026
- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de Paula Quintas, VACAburra e SÖA - 28/07/2026



