in

Os Premios María Casares prescindirán das tradicionais xerras de Sargadelos

mariacasares |
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, como entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, prescindirá das tradicionais xerras de Sargadelos como trofeo para as gañadoras e os gañadores das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. A Xunta Directiva da AAAG, despois de informar a súa Asemblea, tomou esta difícil decisión tras 22 anos entregando as xerras do histórico grupo empresarial.

 

Os motivos residen na dirección que tomou o grupo Sargadelos nos últimos tempos que, a ollos da AAAG, desvirtúa o histórico proxecto promovido dende a súa orixe por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Por outra banda, a actitude completamente hostil por parte do administrador único do grupo Sargadelos cara á acción sindical do seu cadro de persoal parécelle á asociación completamente censurable. A AAAG declara que “como entidade sindical, só pode reprobar tal actitude e iniciar unha nova etapa dentro dos seus premios sen as xerras fabricadas por Sargadelos”.

Dende a AAAG lembran a gran implicación persoal de Díaz Pardo na creación dos María Casares, que celebraron xa a súa primeira edición en 1997 coa xerra reproducindo o rostro da actriz como trofeo, e agradécenlle ao persoal de Sargadelos que, nestas dúas décadas, desenvolvese o seu traballo “de modo impecable, con gran comprensión e máxima dilixencia”.


Publicidade

A gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarase o próximo 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e o prazo de inscrición de espectáculos está aberta na páxina web da AAAG até o vindeiro 7 de xaneiro. Durante a cerimonia, desvelaranse os gañadores e gañadoras das catorce categorías. O novo trofeo que recibirán darase a coñecer a comezos de 2019.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Muiñada de Galeatro

Comeza o ciclo do CDG ‘Gran teatro para os máis pequenos’

somoscriminais sl |

Carlos Blanco e Touriñán baten récords con ‘Somos criminais’