Os International Opera Awards fixeron públicos, na tarde de onte, os finalistas da súa edición de 2020, na que Je suis narcissiste, a ópera de Raquel García Tomás que se estreou con dirección escénica de Marta Pazos, conseguiu estar nomeada na categoría de Mellor Estrea Absoluta.
Os International Opera Awards creáronse en 2012 pola revista británica Opera, e desde o principio foron consideraros os premios máis internacionais do mundo da ópera. Con eles quere galardoarse anualmente aos mellores no mundo da lírica (producións, cantantes, directores, teatros, orquestras…), recoñecendo así publicamente os seus protagonistas, e apoiando a formación de novos talentos a través de bolsas financiadas cos beneficios obtidos na gala.
Je suis narcissiste, ópera bufa da compositora española Raquel García-Tomás, con libreto de Helena Tornero, no que se denuncia, en clave de humor, o delirante narcisismo imperante na sociedade actual, é unha das favoritas. Con dirección musical de Vinicius Kattah e escénica de Marta Pazos, a ópera contou coa interpretación das sopranos Elena Copons e María Hinojosa, o barítono Toni Marsol, o tenor Joan Ribalta e a Orquestra Titular do Teatro Real. Un apasionante proxecto con equipo esencialmente novo e feminino, que puxo en pé unha historia chea de frescura e cargada de humor negro nun proyecto no que, por primeira vez, colaboraban o Teatro Real e o Teatro Español.
A obra significou o debut de Marta Pazos no xénero operístico, no que continuou despois coa estrea de A amnesia de Clío, de Fernando Buíde e Fernando Epelde.