Laxe compartirá a súa recente experiencia como actor teatral da man de Angélica Lidell, coa que colabora na peza Padre, que se encontra agora mesmo de xira en Francia.
O afamado director e guionista Oliver Laxe atracará en Vigo o vindeiro xoves 20 de febreiro ás 16:30 para compartir a súa maneira de entender o guión e a forma que ten de abordalo no faladoiro Arte e Esencia, que abrirá o programa A voz autoral na escrita dramática, organizado pola área de Dramaturixa da ESAD de Galicia, onde terá lugar o evento.
Laxe compartirá tamén a súa recente experiencia como actor da man de Angélica Lidell -unha das grandes dramaturgas españolas- coa que colabora na peza Padre que se encontra agora mesmo de xira en Francia.
A actividade, presentada por Esther F. Carrodeguas, terá unha duración de dúas horas, durante as cales tamén os presentes poderán preguntarlle ao artista galego as súas inquedanzas.
A cita terá lugar na Sala Pedra Seixa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD Galicia), a única Escola Superior en Galicia na que formarse na escritura de guión cinematográfico, series audiovisuais e pezas teatrais.
Oliver Laxe, que xa gañara o Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes polo seu traballo en Mimosas, foi o pasado ano distinguido co Premio do Xurado na Sección “Un Certain Regard”, pola película O que arde, pola que ven de estar nomeado tamén aos Goya. É unha das voces autorais máis importantes do audiovisual da nosa terra. Por todo isto a ESAD Galicia decidiu arrancar con el esta serie de encontros nos que facer que tanto o alumnado como a veciñanza de Vigo poidan coñecer a grandes creadores e creadoras a través das súas voces.