ASSITEJ, a través da súa presidenta Yvette Hardie, lanza unha nova mensaxe na que anima, ante a imposibilidade de levar aos nenos e nenas ao teatro, no Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade, a realizar outras actividades que desenvolvan a creatividade.
Desde que lanzamos a nosa campaña do Día Mundial das Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade, que se celebra o 20 de marzo, co eslogan #Levaunnenoaoeatro #Levaunhanenaaoteatro (#Takeachildtotheatre), moitas cousas cambiaron. Para moitos nenos e nenas en moitas partes do mundo non é práctico, posible ou aconsellable levar aos nenos e nenas ao teatro, e moitos pasarán días dentro da casa, pechados nos seus propios fogares, sen oportunidades de contacto ou de estímulo alén do que a televisión pode proporcionar.
Pero pensemos naqueles nenos e nenas que non teñen fogares cómodos nos que poidan ser illados, que non teñen pais con recursos para lles proporcionar televisores, libros, xogos de construción, xardíns ou mascotas para mantelos ocupados. Nenos e nenas cuxa realidade diaria é un só cuarto compartido con moitos outros, con moi poucas pertenzas persoais ás que poidan chamar súas. Nenos e nenas sen acceso a auga corrente para lavar as mans tan a miúdo como se recomenda, e certamente sen acceso a custosos desinfectantes de mans. Nenos e nenas que non van a poder aprender dende a casa a través de medios online, xa que non teñen acceso a Internet. Nenos e nenas cuxa única comida asegurada procede da escola que agora estará pechada por un período de tempo. E por suposto, aínda que a súa saúde é menos probable que se vexa afectada negativamente pola pandemia que os seus pais e avós, quen se ocupará deles se estes enferman o morren como resultado das complicacións do Covid-19? E menos dramaticamente, mais igual de importante, as familias cuxas vidas dependen das ganancias de alguén cun salario diario, que, se son despedidos ou se lles di que queden na casa, non terán recursos aos que recorrer en condicións de corentena prolongada.
As solucións que o chamado mundo desenvolvido está a tomar para enfrontar o Covid-19 non sempre son replicables en moitos países e contextos. Os desafíos poden ser aínda máis complexos.
Neste momento, precisamos apelar ás cualidades que o teatro (e outras formas de arte) poden desenvolver en nós, as da solidariedade e a empatía. Máis ca nunca, precisamos pensar nos nosos veciños, nas nosas comunidades e naqueless que teñen acceso ao mínimo. Temos que adaptar as nosas enerxías e esforzos ao que é responsable, ao que é solidario, ao que é apropiado para as nosas condicións y situacións, onde sexa que esteamos.
Temos que facer un chamado a atopar cada gramo de creatividade! No canto de levar un neno ou unha nena ao teatro, podemos ler unha obra en voz alta, representar escenas na casa, crear oportunidades para o xogo imaxinativo co que teñamos a man, e onde para facelo podemos utilizar ou ampliar os vastos e crecentes recursos en liña de experiencias teatrais e artísticas. Estes poden incluír narracións orais e lectura de libros, vídeos de producións, películas animadas, obradoiros de artes creativas con recursos cotiáns…, e ASSITEJ creará un recurso online destes a medida que avancemos, polo que solicitamos a todos os nosos membros contribuír á tarefa.
Lembremos que o chamado de #Levaunnenoaoeatro #Levaunhanenaaoteatro (#Takeachildtotheatre) non é unha petición puntual, dependente dun só día. É parte dunha campaña mundial en curso para dar a máis nenos e nenas de todo o mundo acceso a experiencias artísticas significativas. Fagamos que o noso 20 de marzo de 2020 sirva para levar esta mensaxe a todos os que necesitan escoitalo.
E que o Covid-19 sexa unha coma nunha frase na historia da necesidade fundamental da humanidade das artes e o seu compromiso con elas, que continuará desenvolvéndose continuamente.