in ,

Editorial: Horizonte virtual

Baleiro |

Desde o 14 de marzo todo permaneceu confinado. Días antes, numerosas compañías e teatros anunciaban a cancelación ou o adiamento dos espectáculos e eventos programados e as traballadoras da cultura, sen ERTE posible, entraban nun incerto escenario que aínda non posúe horizonte de expectativas. Desde o 14 de marzo habitamos un tempo en apnea e un espazo limitado que intentamos ensanchar a base de tele-presenza, intentando atravesar con adulterada normalidade a restrición da nosa mobilidade, a recentralización administrativa, a militarización das rúas e o peche das fronteiras.

Desde o 14 de marzo diferentes iniciativas puxeron a produción e o patrimonio cultural á disposición da cidadanía para o seu uso e consulta durante esta emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19 e na que, ante todo, se reclama responsabilidade, solidariedade e unidade. Mentres a maioría da poboación asiste como espectadora impotente á batalla diaria que libran en primeira liña o persoal sanitario e as traballadoras das actividades esenciais neste estado de alarma, desde a parálise necesaria, fomos reaccionando ante o descoñecido ofrecendo formas creativas coas que representar unha normalidade convulsionada.

Este mes de marzo o teatro celebraba diferentes efemérides que serven para atraer a mirada sobre unha arte non sempre ben atendida pero que pon no seu centro a humanidade e a alteridade. O 20 de marzo celebrouse o Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade sen nenas e nenos que poder levar ao edificio teatral, o 21 de marzo conmemorouse o Día Mundial do Teatro de Bonecos e o venres 27 de marzo será o Día Mundial do Teatro. Como desde 1997, o xoves 26 de marzo había prevista unha nova edición dos Premios María Casares que cada ano recoñecen os mellores traballos do ano anterior do teatro galego e mañá, día 25 de marzo debería arrincar o I Congreso Internacional do Teatro Galego –que traslada as súas datas para outubro- e que, entre outras cuestións, propoñía proxectar a mirada sobre o horizonte teatral do 2030.


Publicidade

Desde a erregueté queremos continuar coa nosa función: achegar contidos e reflexión no eido das artes escénicas, aínda que somos conscientes de que a atención está noutro foco. Un medio con poucos recursos como o noso deberá decidir a que os dedicamos e, igual ca todas, non temos máis opción que aprender a abordar esta situación sobre a marcha, sen desistir na nosa vocación de atender un sector no que as repercusións desta crise serán devastadoras. Agora o urxente é quedar na casa pero tamén é preciso deseñar -desde e coas diferentes administracións- escenarios posibles e alternativas para as profesionais dun colectivo precarizado e infatigable que basea o seu sentido no encontro público e na presenza física compartida.

Neste marzo de 2020, absolutamente noqueado pola pandemia global que sufrimos, dentro da procura de futuro e da necesidade acadar algún tipo de normalidade, ben poderíamos incluír entre os próximos desafíos o paradoxo da utopía. Ese que nos lembra que cando a poboación se atopa nunha situación de perigo, en lugar de conformarse cun mínimo de estabilidade, acaba por facer estourar a utopía absoluta. Cando conquistemos esa posibilidade de volver abrazarnos sen medo, será o momento de ensanchar a marxe do posible para escoller entre crise ou catástrofe, entre reforzar a saúde do público e apostar pola repartición proporcionada da riqueza. Será iso ou continuar cun austericidio delirante dunha normalidade xa distópica.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Malcriada |

Diario de cativerio. Día 11, por Esther Carrodeguas

Translate |

A Fundación SGAE convoca as Axudas á Tradución de Textos Teatrais 2020