Tristeza e decepción. O sector das artes escénicas séntese frustrado polo Plan de Reactivación presentado pola Xunta de Galicia. A cultura é unha das grandes prexudicadas pola crise provocada pola pandemia da Covid-19 e as artes escénicas, as que máis lonxe albiscan unha volta á normalidade. A promesa dun plan que lograse darlle resposta a unha situación de incerteza absoluta logrou ilusionar a moitos, que agora ven defraudadas as súas esperanzas. Non se aforran críticas a un plan que “semella non tomar en serio” as traxedias persoais que ameazan a creadores e creadoras do teatro e a danza. | Manuel Xestoso |
O pasado día 1 de maio, o presidente Núñez Feijoo presentaba as liñas xerais dun Plan de Reactivación para os sectores cultural e turístico que, segundo a Xunta, permitiría “impulsar a recuperación económica e a reactivación, fomentando o emprego e mantendo o tecido empresarial”. Feijoo anunciaba que o plan incluiría cincuenta medidas para “xerar liquidez e reactivar o consumo”, pero non daba ningún detalle sobre o contido.
Posteriormente, a Xunta publicou o Plan no web institucional, sen darlle publicidade, e as distintas asociacións profesionais comezaron a escrutar os detalles para determinar ata que punto respondía ás peticións que se lle fixeron en repetidas ocasións, tanto a través de comunicados como en diferentes reunións con representantes da Consellería de Cultura e Turismo. O primeiro balance resolveuse claramente coa decepción de moitas entidades que levaban semanas de xuntanzas, análises e propostas para tentar revitalizar un panorama cultural absolutamente devastado pola pandemia.
As diferentes asociacións que agrupan a creadores e creadoras comezaron a denunciar os múltiples defectos do Plan de reactivación: mestura medidas novas con outras xa existentes; xunta convocatorias pendentes de publicar con algunhas novas sen desenvolver; apenas menciona os problemas concretos da danza ou das salas privadas; é impreciso nas cifras e partidas; mesmo inclúe o pagamento pendente de subvencións.
Inconcrecións, ambigüidades, ausencias
A publicación do Plan de Reactivación da Xunta coincidía coa publicación no BOE do real decreto-lei polo que se aproban as medidas de apoio ao sector cultural para facer fronte ao impacto económico e social do Covid-19. Despois de varios movementos en falso e dalgúns atrasos e reviravoltas, o goberno central, finalmente, facía públicas unhas disposicións tanxibles que, entre outras, incluían liñas de crédito, modificacións da Lei de Mecenado que aumentaban as deducións fiscais, puña cifras ás axudas extraordinarias ou artellaba un acceso extraordinario á prestación por desemprego tendo en conta o carácter intermitente e descontinuo dos contratos no sector artístico.
Fronte a esa concreción, o Plan de Reactivación da Xunta inclúe capítulos tan imprecisos como “Impulso dos premios de dramaturxia, fundamentais para o mantemento do emprego de escritores e dramaturgos”. Uns premios, hai que lembrar, que eran anuais e que pasaron a convocarse cada dous anos na etapa de Feijoo como presidente.
Existen aínda ambigüidades máis inquietantes: nin a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, nin Escena Galega lograron que se lles contestase á pregunta de se os 440.000 euros destinados ao Centro Dramático Galego inclúen os 350.000 que xa estaban orzamentados ou non. En caso de que os inclúa, o CDG terá 110.000 euros menos que no exercicio de 2019.
Xesús Ron, director da compañía Chévere, apunta que “non me parece mal que se mesturen cifras nun plan de emerxencia, pero aclarando de onde vén cada partida, e non como fixo a Xunta, tratando de enganarnos coma a cativos. Sumáronse axudas que xa existían, outras que estaban previstas pero que estaban sen publicar –algo que resulta mesmo humillante– e algunhas partidas novas. A metodoloxía, ademais, é trapalleira de todo: cifras contraditorias, partidas sen detallar…”.
Pedro Fresneda, do Teatro Ensalle de Vigo –unha referencia fundamental nas novas tendencias e a danza– lembra que “temos as eleccións á volta da esquina: este é un plan que responde a iso, á propaganda electoral do Partido Popular. As présas levan a presentar unhas medidas sen un estudo previo elaborado cun mínimo de seriedade e, daquela, resulta que se pode presentar un youtuber e levar 4.000 euros mentres o teatro Ensalle, por ser unha Sociedade Limitada, só pode recibir 10.000”. A falta de concreción segue sendo a debilidade máis criticada: “con este plan, o mesmo poden agravar o desastre que resolver algunhas cuestións de urxencia e o último que debería facer unha administración é sumar incerteza á incerteza coa que xa vivimos. Eu preferiría que tardasen quince días máis en elaborar o plan pero que as medidas fosen máis concretas e resolvesen problemas reais”.
Fina Calleja, da compañía Sarabela, cre que hai que “agradecer que unha cantidade de diñeiro concreto estea blindado, pero faltan contidos e obxectivos claros. Simplemente lendo o título dos epígrafes ves que son tan semellantes, e ao mesmo tempo tan inconcretos, que xeran moitas dúbidas. A sensación que dá, ratificada por esa frase que empregan de estamos abertos a propostas, é que todo corre o risco de se converter nun gran caixón de xastre. Non son claros os requisitos, nin os prazos, nin –nalgúns casos– a vía de presentación. Estamos nunha especie de ‘vós presentade e logo xa veremos’, pero non coñecemos nin os requisitos, nin os obxectivos. O grave é xustamente que non hai contido”.
Calleja, ademais, indica outras carencias: “Sorpréndeme que o Plan incida sobre todo na exhibición, cando esta é precisamente a parte sobre a que existen máis incertezas; e tamén que se faga tanto fincapé no dixital cando para as artes escénicas esta vía representa apenas un alivio máis ben marxinal. E por moita vontade que haxa, que eu non o dubido, está clara a debilidade da propia Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para responder á tramitación de todas esas novas medidas”.
Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro, é máis rotundo: “O Plan da Xunta é un panfleto publicitario, non ten nada detrás, ningunha medida que teña que ver cos problemas que xera a pandemia, ningunha que poida axudar aos creadores a pasar sen excesivas penurias este período de excepción. No punto 3 do plan, que é onde deberían estar as supostas medidas de apoio ás artes escénicas, non aparece nada novo en absoluto. Só inclúe medidas de adaptación, de modificación, de flexibilización… de ordes que xa existen. Son ordes que xa tiñan que estar feitas dende o inicio da pandemia. Flexibilizan algunhas cousas –tampouco aquí hai demasiada concreción–, pero novidades, ningunha”.
No capítulo das ausencias cabe destacar a da danza, que non aparece mencionado no plan malia que o Conselleiro anunciara un Plan específico para a danza o pasado mes de febreiro. Caterina Varela, da compañía La Macana e unha das coordinadoras das Residencias Paraíso, cre que “se se nomea o Centro Drámático, debería facerse o mesmo coa outra unidade de produción, co Centro Coreográfico. Seguro que hai máis ausencias que a da danza, pero neste caso, por comparación, resulta discriminatorio”.
Varela tampouco dubida en cualificar o Plan de “propaganda electoral”. “Unha vez máis a Xunta déixanos desamparadas, sen medidas asistenciais nun momento histórico. Isto xa non trata de deseñar mellores ou peores subvencións, trata dun colectivo colocado nunha situación de vulnerabilidade crítica e este plan non dá resposta a esta situación. Para min é moi grave porque descobre que a Consellería descoñece a realidade da comunidade cultural galega”, subliña. “Este plan, en realidade, vén a confirmar carencias de base que vimos detectando dende hai moitos anos, pero nestas circunstancias é máis pesado que nunca aturar esta situación”.
Un matrimonio conflitivo: cultura e turismo
Eduardo Alonso apunta outro tema polémico: “Hai algunhas medidas que aparecen dentro do capítulo do Xacobeo que, independentemente de que algunha empresa de produción escénica –dubido que moitas– poda aproveitar, son medidas elaboradas para o turismo, non para sacar ás artes escénicas do burato onde as meteu o coronavirus.”.
O feito de que turismo e cultura estean xestionados pola mesma consellería é, precisamente, algo que molesta ao sector dende a creación da nova Consellería, e que suscita unha profunda desconfianza. Xesús Ron chama a atención sobre a diferenza no trato entre un e outra: “Non hai máis que ler o plan para decatarse do tratamento tan diferente que reciben o turismo e a cultura: o nivel de concreción, o desenvolvemento das medidas e de detalles… Para o turismo existen análises detalladas, mentres que para a cultura non se sae de dúas ou tres xeneralidades”.
Fina Calleja, chama a atención sobre algún dos efectos perversos desta mestura: “O orzamento do programa Cultura no camiño, por exemplo, vaise triplicar e vaise abrir a todos os concellos e non só aos que forman parte dalgún itinerario xacobeo. Pero a estrutura deste programa é moi enrevesada: primeiro téñenllo que comunicar aos concellos –e, polo que sei, de momento non houbo ningunha notificación–; teñen que estimulalos para que se inscriban e a inscrición neste momento está pechada; as compañías non poden inscribir os espectáculos que poden preparar para estas novas circunstancias… Entón, esta medida, que está moi centrada no verán, acaba por non ser efectiva, vai ser complicado implementala nestes meses que veñen. Tería que ter unha estrutura máis áxil”.
Fresneda cre que o “millón e medio de euros que se destina a proxectos relacionados co Xacobeo é moito diñeiro para o caixón de xastre que é: semella un capítulo de varios hipertrofiado. Creo que dende a Agadic están traballando moito, pero equivocadamente, porque teñen que conciliar o parámetro xacobeo co dun sector cultural parado e moi inquieto polo seu futuro, e tratar de manter o equilibrio entre ambas realidades leva a erros de estratexia”.
“A diferenza mais notable no Plan”, explica Caterina Varela, “é a cuestión das medidas de carácter sanitario que se van precisar para retomar a actividade, que no lado do turismo están moi especificadas e no da Cultura nin sequera se mencionan. É a proba da importancia que se lle dá a cada campo. Vincular cultura e turismo vén da época franquista e aí seguimos. Non me sorprende, pero esta situación é tan grave que pensamos que habería pasos para protexer ás persoas que traballamos na cultura e que levamos feito un traballo que merece outro recoñecemento, polo menos un certo respecto”.
Oportunidades para o futuro
Fina Calleja bota de menos unha mirada máis ampla sobre a actividade escénica: “É curioso que todas as medidas están dirixidas ao desenvolvemento de actividades, pero non para soster estruturas empresariais necesarias para a actividade escénica: compañías, salas, empresas de apoio técnico… Se o que se pretende é fomentar o emprego e manter o tecido empresarial, non hai mellor investimento que esas empresas que manteñen o feito escénico e que investigan constantemente para mellorar a relación co público”.
Caterina Varela critica que se omita, “pero é normal na política cultural deste goberno”, a parte de investigación e de creación. “A cultura non se entende fóra do produtivismo: xerar un produto que circule e que cre un determinado circuíto económico. Pero para que iso aconteza hai que traballar noutras capas. Este plan subvenciona a produción, pero non todo o que hai detrás. Sería fácil axudar a creadoras, artistas, pensadoras, xestoras… para traballar nunha clave de reflexión sobre que é o que queremos facer. E xusto agora que –se lle podemos ver un lado positivo a esta terrible crise sanitaria– se nos dá a oportunidade de reflexionar, para ver se ten sentido producir sen pensar para que, se non haberá que reformular a nosa relación coa sociedade… Poderiamos pechar todo e traballar durante meses na busca da relación que queremos entre cultura e sociedade”.
Pedro Fresneda, nese aspecto, cre que “é o momento de dicirlle a administración que todos estamos perdidos, pero que nós manexamos máis información ca eles, que deberiamos traballar coas ferramentas das que os creadores nos dotamos durante moito tempo para mellorar o sistema”. E engade “e para entender as súas, porque os instrumentos cos que opera a administración precisan tamén de estudo e mellora. Se as axudas ás salas están nun determinado capítulo, e ese capítulo non ten orzamento, xa podo eu pedir o que sexa que a resposta sempre vai ser a mesma: non hai diñeiro. Entón teño que inventarme algo para poder conseguir o financiamento a través doutro capítulo. Logo as dotacións económicas son as que son, e sabemos que hai gobernos que apoian máis a cultura que outros, pero temos que entender esa linguaxe para cambiar as cousas”.
Un consenso que non é tal
Na presentación do Plan, tanto a Consellería como o propio Feijoo destacaron que o Plan estaba consensuado co sector, mais foron moitos os representantes sectoriais que desmentiron ese consenso. Na súa última nota de prensa, a Xunta elimina o termo “consenso”, para asegurar, en cambio, que “o Goberno galego mantivo máis de 65 xuntanzas e contactos con máis de 230 axentes do sector e recibiu preto de 170 propostas, das que o 71% foron incorporadas á redacción do Plan de Reactivación”.
Xesús Ron rexeita esa idea de consenso que se quixo transmitir: “Hai un mes Escena Galega entregou unha proposta valorada nun millón de euros para apoiar ao sector escénico en canto a medidas extraordinarias de apoio ao mantemento de emprego é da actividade do tecido empresarial, e agora dinnos que non saben como facer, como aplicar eses puntos presentes no Plan. Ou sexa, dende hai un mes non fixeron nada cunha proposta que tiñan enriba da mesa. Para as artes escénicas só hai medio millón de euros, o resto xa existía. E no propio plan dise que non se sabe como nin cando se vai executar. Que clase de diálogo é ese?”.
Caterina Varela refuta non só que exista consenso, senón toda a política de comunicación que rodea o Plan de Reactivación: “Non sei como non lles cae a cara de vergoña trasladando un plan que carece de todo rigor coma se fose unha panacea para a profesión. É insultante que empreguen o termo participación –supoño que pola presión exercida polos movementos sociais nos últimos anos–: é usar as palabras pero non o seu significado. Non están abertos ao diálogo e seguen funcionando dun xeito moi xerárquico: reciben propostas pero logo deciden sen dar explicacións. E ao final, fano ao revés, porque deixan descontento a todo o mundo”.
Eduardo Alonso estivo nas reunións que mantivo o sector tanto coa Xunta como co Ministerio de Cultura e explica a diferenza entre ambas: “Na do Ministerio, estaban o Ministro de Cultura e a Ministra de Facenda. Fixeron unha pequena presentación e falamos os representantes do sector: eles escoitaron e tomaron nota. Na da Xunta, falaron os representantes da Xunta e os demais escoitamos. Esa é a idea de participación que ten a Consellería de Cultura, a súa idea de consenso”. E fai tamén referencia ao plan presentado por Escena Galega: “a Xunta só tomou en conta as pequenas modificacións inevitables ante o peche dos teatros, pero as propostas de fondo foron ignoradas”.
Fresneda matiza que “as medidas que propuxo Escena Galega poderían estar reflectidas no Plan. Non é que o estean, pero está tan indefinido que pode caber case todo”. E recorre, máis unha vez, á comparación co decreto do Ministerio: “se confrontas o decreto do Ministerio e o Plan da Xunta, decátaste de que este último carece de todo rigor. Dende o Teatro Ensalle, na segunda semana de confinamento, pasámoslle á Xunta un estudo económico da sala, levado ao céntimo, dos últimos dez anos. E cando nos presentaron o Plan, resulta que nin se mencionan as salas privadas”.
Un futuro incerto
Se este é o Plan que vai rexer as artes escénicas dende agora, como se ve o futuro? Xesús Ron non dubida: “Véxoo moi negro, creo que este Plan demostra que as persoas que levan a Consellería son completamente incapaces de xestionar nada”. Eduardo Alonso coincide: “dende a Xunta non van facer nada por nós; nin queren, nin saben, nin lles interesa.”
Fresneda é máis conciliador e cre que habería que “sentar a traballar e deseñar as partidas concretas para cada unha das partes. Sen entrar en connivencia co poder, si debemos tratar de facer xestión, tentar que isto sirva para sentar unhas novas bases, e apostar pola profesionalización e pola esixencia coa Administración e con nós mesmos. É preciso facer estudos moi rigorosos sobre o estado da profesión e actuar en consecuencia. Creo que debemos darlles ideas porque as necesitan, porque eles non saben manexar isto”.
Pero, sobre todo, o que queda na maioría da profesión, é unha profunda decepción. Fina Calleja incide no feito de que “seguimos botando de menos ferramentas concretas que nos axuden a seguir traballando no día a día. É moi decepcionante non saber que é o que imos facer, ou o que poderemos facer, nun futuro próximo”.
Caterina Varela ve como o traballo preparado durante meses permanece nun limbo, cancelado ou adiado sen data. “As únicas medidas ás que nos podemos acoller son as do Ministerio, que son as que nos permiten ir aguantando a situación. En principio, os proxectos seguirán adiante, pero seguimos cunha especie de vertixe, esperando as condicións nas que poderemos volver a traballar”. Isto agrávase máis cando se fala da actividade internacional: “A cuestión das fronteiras agora vai ser máis complicada que nunca e para compañías coma a nosa, que non temos demasiado circuíto local, a recuperación vai tardar máis en chegar”.
“O Plan non responde en absoluto á enorme expectativa nin á esperanza que había no sector”, di Ron. “Por primeira vez detectábase unha percepción de que a Xunta ía tomar o sector cultural en serio, que ía dar resposta a terrible situación pola que está a pasar moita xente. E a decepción foi unánime, non tanto polos números, senón porque detrás da cultura hai persoas, e demostrouse que non hai a máis mínima empatía nin comprensión. Non se entende que se está xogando a vida de moitas familias e iso xera unha enorme frustración. Non existe vontade política de facer fronte á terrible crise que ameaza a industria cultural. Eu, persoalmente, síntome absolutamente desamparado”.