in

No confín de… Mariana Carballal

Mariana Carballal
Profesora de interpretación na ESAD de Galicia, actriz e directora. Mariana Carballal comezou a súa carreira como intérprete en Teatro Yeses e Teatro de Cámara de Madrid. De volta en Galicia, traballaría nas montaxes Os vellos non deben de namorarse con dirección de Manuel Areoso para o CDG, O burgués fidalgo de Teatro do Morcego ou Eu estaba na casa e agardaba que viñese a chuvia, dirixida por Xosé Martíns, por citar só algunhas. En audiovisual desenvolve até o día de hoxe unha ampla carreira na televisión e no cinema, tendo participado en filmes coma La piel que habito de Pedro Almodóvar, O ano da carracha de Jorge Coira, Romasanta de Paco Plaza ou Elisa y Marcela de Isabel Coixet. Na imaxe xunto ao seu inseparábel Foster, o pingüín virtual co que nos está a regalar fantásticas pílulas de humor nas súas redes sociais durante este confinamento.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Case sempre varios, alternando poesía, prosa, ensaio… O libro da filla de Inma López Silva. Unha novela poderosa, reveladora, triste e política. Seguindo os pasos da protagonista non podes evitar revisar a propia vida, momentos, instantes de dúbida persoal e social. Sentirse cómplice de situacións, vítima e redimida. Fronteira Paraíso de Silvia Penas Estévez. A súa palabra enche de resonancias os espazos. O que me ocorre é que escoito a súa marabillosa forma de recitar cando leo, e é polo tanto, dobremente gozoso. La muerte de Marilyn y otros relatos de Isabel Blanco. Historias profundamente delicadas, sutís, preciosas. Onde as palabras descobren horizontes novos, músicas e sentires que sorprenden e sobre collen. E releo Dar cuenta de sí mismo de Judith Butler. Sempre necesaria a reflexión e a revisión do que pensamos e sentimos.

A túa banda sonora destes días.

Non escoito música sistematicamente. Non son capaz de escoitar mentres fago outras cousas. Como se o meu cerebro non puidera procesar varios estímulos artísticos ao tempo. Ou leo, ou escribo, ou… Non poño música para quedarme nela. Remóveme e axítame. Podo escoitar unha canción de Caetano, de Sting, de Nina Simone, de Sés, de Patti Smith, The Civil Wars, Ojo Último… A música de polas mañás para facer ioga, e os paxariños e gaivotas.

O último filme que te impresionou.

Comandante Arian de Alba Sotorra. Un documental brillante, arrepiante, case unha ficción, incriblemente narrado. Conta a vida dun grupo de mulleres kurdas na guerra de Siria. A comandante Arian, unha muller de trinta anos, entende a súa vida como unha misión: atopar a liberdade para unha nova xeración de mulleres. A sororidade, a concepción do poder, das relacións, dos coidados destas mulleres é unha lección de vida. E unha peza fermosísima.

Tamén Eroski Paraíso de Jorge Coira e Xesús Ron. Sinxela, próxima, mestura o humor, a nostalxia e o conflito con extraordinaria sutileza. Quédaste na película e nas súas imaxes, como se che pertencesen, como se fosen parte do teu pasado e dun presente onde os espazos da nosa infancia desaparecen.

A obra de arte na que te perderías agora.

El abrazo do recentemente finado Juán Genovés. Por todas as apertas que non podemos dar, polo que significa. En palabras do autor o lenzo representa ás “miles e miles de persoas que loitamos para que o noso país non fora diferente”. Neste momento, apertarnos para coidarnos, para loitar xuntas e saír adiante. E aínda que está enmarcada na nosa transición –e esta non foi a mellor do mundo–, si que hoxe habería moito que dicir ás persoas da política, que traballan sistematicamente en contra.


Publicidade

A peza que che gustaría interpretar.

A Malcriada de Esther Carrodeguas. Gustaríame interpretala. Teño a sorte de ler parte da peza en Literarias, o proxecto feminino de diálogo entre literatura, poesía e teatro que comparto xunto a Isabel Blanco e Silvia Penas. É unha marabilla de escrita, polo que di, por como o di, polo que comunica, polo humor que a percorre… Si, gustaríame moito. Todo se andará.
E tamén estou dándolle a proxectos audiovisuais relacionados coa miña vida de coidados, do conflito persoal que supón, da re-identificación que provoca en min…

E outros en clave de humor, que xa sabes, que non podo evitalo. Acompañada por Foster, loxicamente!

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Encantaríame pasar a tarde con madame Curie. Ou mellor dito, con Maria Skłodowska. Tivo que ser unha muller incrible, culta, valente, intelixentísima, arriscada, honesta (devolveu os cartos da súa beca cando tivo traballo). Gustaríame falar do seu tempo, da paixón pola ciencia, de como sentía o seu entorno…

E tamén con Simone de Beauvoir, aínda que tan só fose por escoitarlle esa frase preciosa: “o feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente”. Seguro foi parrandeira, divertida e atrevida.

Tamén con Aphra Behn, dramaturga inglesa do XVII. Muller de vida apaixonada, libre, viaxeira, espía, escritora, sobre a que Virginia Woolf dixo: “Todas as mulleres xuntas deberían ir lanzar flores sobre a tumba de Aphra Behn, pois foi ela quen lles ensinou que tiñan dereito a permitir que as súas mentes falaran”.

Se non foses profesora, actriz e directora, serías…

Exploradora ou antropóloga. Son curiosa, gústame viaxar, aprender, coñecer outras formas de vivir, entender de onde vimos e canto nos parecemos. A min cando viaxo e coñezo a xente que traballa o campo, recoñézoa como igual. Vexo esa nenas nos Andes, ou en Turquía, por exemplo, e véxome a min de nena. Aqueles coloretes nas meixelas, as trenzas, a mirada curiosa e desconfiada… Vexo as mans dos homes e das mulleres que traballan a terra e vexo as da miña xente.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ailén Kendelman

No confín de… Ailén Kendelman

kindle |

Nace o I Festival Virtual do Libro de Galicia