in

No confín de… Fran Lareu

Fran Lareu
Actor e trompetista. Fran Lareu é un dos rostros habituais da televisión e do teatro en Galicia. Fundador e intérprete da desaparecida compañía IlMaquinario Teatro, entre os últimos traballos escénicos do lalinense destacan Crónicas do Paraíso de Sarabela Teatro, con dirección de Gonçalo Guerreiro, e O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia, adaptación de María Peinado da Farsa do Bululú de Manuel María coa que acadaron o I Certame de Proxectos Teatrais do autor lucense.
En audiovisual, Fran Lareu formou parte do elenco da serie Fariña, é un fixo no thriller da TVG A Estiba –traballo polo que foi finalista á mellor interpretación masculina de reparto na última edición dos Premios Mestre Mateo– e pronto poderemos velo no filme María Solinha de Inacio Vilar.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Agora mesmo teño varios: Modos de ver de John Berger, un agasallo de Anxo García nunha das últimas funcións que puidemos facer de O Meu Mundo non é deste Reino; e O libro dos trens, unha escolma de relatos inspirados no mundo do tren, editado por Galaxia e que tamén foi outro agasallo do meu amigo Rixy. Tamén estou revisitando Macondo da man dos Cien años de Soledad de Gabriel García Márquez e ando a voltas coa primeira novela de Carlos Montero, Los tatuajes no se borran con Láser.

A túa banda sonora destes días.

Nestes días fun facendo unha playlist na que mesturo dende MEUTE ou Mnozil Brass ata REYKO pasando por La Bien Querida, María Rodés, Sés ou Caxade entre outras. Estilos variados para distintos momentos. E os que sempre me acompañan son os magníficos Les Luthiers co seu conxunto de instrumentos informais.

O último filme que te impresionou.

Sen dúbida The Lighthouse de Robert Eggers. Willien Dafoe e Robert Pattinson están impresionantes. Unha batalla épica dentro dunha historia arrepiante. Puidémola ver no Multicines Norte de Vigo cando aínda se podía gozar dos cines. Moi recomendable.

Por outra banda, hai uns días cometín a imprudencia de ver Contagion de Steven Soderbergh. Se a tivese visto en xaneiro sería unha anécdota, agora toma un cariz bastante diferente.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Agora mesmo gustaríame estar deitado no chan da Capela Sistina. Poder gozar das obras de Miguel Anxo a porta pechada. A única vez que entrei sentinme coma unha sardiña enlatada. Quizais é un dos motivos polos que me encantan as series The Young Pope e The New Pope de Paolo Sorrentino (o reparto é sublime). E confeso que se puidese, bailaría ao son de Paolo Conte e a súa L’Orchestrina.

A peza que che gustaría interpretar.

Raoul de James Thiérrée. Puidémola ver no Piccolo Teatro di Milano o ano pasado. Desde hai moito, son admirador de Thiérrée. A súa maneira de contar, a súa expresión corporal e o seu imaxinario son simplemente deliciosos. Algo terá que ver que é neto de Charles Chaplin, ao que admiro desde neno. É certo que sempre me gustou moito o teatro físico.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Pois falando de Chaplin, tomaría unha e mil cañas con el e con Buster Keaton. As súas películas e curtas foron, e continúan a ser, unha aprendizaxe desde que era cativo. Un dos motivos polos que rematei sendo actor foron eles dous. E postos a pedir, xuntaríame con Daniel Rabinovich e Marcos Mundstock para falar de Mastropiero e de merengues varios.

Se non foses actor, serías…

Piloto ou arquitecto. O de piloto sempre foi un soño recorrente que algún día intentarei levar adiante. A arquitectura é unha paixón que materializo construíndo mundos diminutos en forma de dioramas.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MartaPazos |

Marta Pazos participa nos encontros virtuais ‘Paris ne finit jamais’

Paula Sanmartín

No confín de… Paula Sanmartín