A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) celebrará a súa 25ª edición en xullo malia a falta de apoio do consistorio ourensán.
A Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) celebrarase en Ourense do 3 ao 15 de xullo. Dende a organización afirman que será unha MITEU máis reducida, pero que “terá a esencia dese evento que leva na cidade 25 anos e polo que pasaron centos de grupos de preto de 50 países, miles de participantes e centos de miles de espectadores”.
A MITEU contará co apoio do Campus Universitario da Universidade de Vigo, da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial, que xestiona o Teatro Principal, mais non do Concello de Ourense, que rexeitou participar do evento cos 3.000 euros que se lle pedían para facer fronte a gastos concretos de organización.
A organización da Mostra amosouse moi crítica coa actitude do consistorio ourensán, cuxa actitude fronte á cultura vén sendo obxecto de censura practicamente dende a súa formación. A a política cultural do Concello retiroulle o apoio a festivais tan consolidados como o FITO, o Pórtico do Paraíso ou o Festival de Cine Internacional de Ourense, e rebaixou considerablemente as axudas a outros eventos da cidade.
O programa da 25ª MITEU farase público nos vindeiros días.