A compañía teatral, tras a suspensión da súa estrea en abril polo o estado de alarma, presentará finalmente en Santiago o 7 e 8 de xullo o seu novo espectáculo, primeira adaptación ao galego dun texto do dramaturgo Juan Mayorga.
Redrum Teatro vén de retomar, tras os meses de suspensión da actividade escénica debida ao estado de alarma pola crise da covid-19, os ensaios do que será o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila. Dirixida por Alex Sampayo, a montaxe converterase na primeira adaptación ao galego do dramaturgo Juan Mayorga que, a través desta mordaz obra que a compañía estreará en Santiago os días 7 e 8 de xullo, nos presenta unha reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve.
Nese difuso límite entre ficción e realidade móvese O mozo da última fila, peza que xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán ao escenario Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto. Este equipo artístico, ao que toca sumarlle a Davide González no espazo sonoro, María Illobre na caracterización e Jose M. Faro ‘Coti’ na escenografía, retoma a residencia artística interrompida o 14 de marzo no Auditorio do Concello de Rianxo de cara á súa estrea, que terá lugar finalmente no Teatro Principal de Santiago os dias 7 e 8 de xullo. Redrum, ademais de dispor da inestimable colaboración do Concello de Rianxo, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das liñas de axuda á creación escénica.
Entre a literatura e a vida
O dramaturgo Juan Mayorga, académico da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, tamén afonda en O mozo da última fila noutra serie de aspectos que serven de pano de fondo. Así, o autor fálanos do mundo educativo, da alienación cultural ou da clase media a través da historia de Xermán, un veterano e desmoralizado profesor de instituto que a principio de curso, pídelle ao seu alumnado que escriba unha redacción sobre a súa fin de semana.
De todos os traballos, chámalle a atención a calidade do texto de Claudio, estudante introvertido que non participa nin destaca, nin por arriba nin por abaixo. Na súa redacción, Claudio xoga coa ficción e a realidade a través da observación da familia dun compañeiro. Así comeza un relato por entregas entre alumno e profesor que acaba convertido nun xogo perigoso, tanto para eles coma para quen os rodea.
Redrum Teatro
A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e á distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores ou A nena que quería navegar) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e ao texto adaptado en 2019. Para a súa duodécima produción, Redrum escolle O mozo da última fila, obra de Mayorga galardoada co Premio Max que leva 26 adaptacións en todo mundo e que foi levada ao cine por François Ozon na fita gala Dans la maison (Concha de Ouro do Festival de Donostia, 2012).