Exhibición de espectáculos, encontros, formación, lecturas dramatizadas e pasarrúas constitúen o programa que a Federación Galega de Teatro Afeccionado prepara en Ribadavia para a celebración do seu XX Aniversario. Do 30 de xullo ao 2 de agosto o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena, a Casa da Cultura e diversos espazos ao aire libre serán os escenarios nos que desembarcarán grupos e amantes das artes escénicas.
O acto de apertura terá lugar o xoves 30 de xullo ás 22.30 no Auditorio do Castelo seguido da representación de Squash, do grupo local Teatro do Vilar.
O venres 31 de xullo a segunda xornada comezará co curso de video mapping que a creadora Laura Iturralde impartirá na Casa da Cultura e cuxo prazo de inscrición está aberto ata o 12 de xullo en [email protected]. De igual modo, a sesión da mañá inclúe a charla-coloquio “Relanzando o teatro amador” ás 12:00 na Igrexa da Madalena.
A tarde do venres o teatro tomará as rúas coa feira de microaccións protagonizada polos grupos Cavort Teatro coa peza Ausencias, Teatro Escoitade con Un hotel de primeira sobre o río na praza dos xulgados, Tequerreté con A aposta do chisqueiro nos soportais da Praza Maior e o pasarrúas que realizará Lohengrín Teatro. O segundo día de actividade rematará ás 23:00 coa representación de A farsa de Maître Pathelin no Auditorio do Castelo a cargo do grupo Tiruleque do Carballiño.
O sábado 1 de agosto, ademais da continuación da acción formativa de mapeo de vídeo, a Casa da Cultura acollerá o comezo dos obradoiros de lecturas dramatizadas da obra A morte é breve, de Julio Fer e editado pola erregueté. Despois do xantar de confraternidade e dunha nova sesión de traballo, ás 22:30 celebrarase o acto de entrega do Premio Fegatea 2020 no Auditorio do Castelo e a partir das 23:00 horas a representación de O pequeno poni, de Petanaporta Teatro. Por último, ás 00:30 a Praza Maior será o escenario da mostra do resultado do curso de mapeo de vídeo desenvolvido ao longo de dous días de traballo.
O domingo 2 de agosto, o espazo formativo continuará durante a mañá co obradoiro de lecturas dramatizadas cuxa representación terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19.00 horas. Un pouco antes, o programa da tarde arrincará co contacontos musical A mirada das bolboretas de Lohengrin Teatro.