in

Guerra de identidade

Guerra de identidade |

Do amor e da guerra

| Ana Abad de Larriva |
| Imaxe: Prolight Foto Estudio |

 

Guerra de identidade é unha purga, unha abertura en canal, un conxunto de sensacións, lembranzas, pezas de diferentes relatos… de Déborah Vukušić na busca dun equilibro entre as súas dúas metades (a galega e a croata) e vertebrada arredor da figura do pai ausente. A peza arranca dende a pulsión do sangue e amósanos unha guerra interna na procura da propia identidade, envolta tamén na néboa doutra guerra real: a guerra de Iugoslavia. Vai debuxando os cambios persoais dende que naceu en canto á relación coa(s) súa(s) familia(s), mais tamén dun tempo que xa non é, nun mundo que avanza inexorable. Fala sobre a dor da ausencia, que bate, e das palabras que feren como balas; mais tamén sobre o amor, a procura do amor, e o cariño polos pequenos detalles, polas lembranzas emotivas que son as que sosteñen e dan sentido á memoria persoal e, compartidas, tamén á colectiva. Hai en todo momento unha dualidade: entre as dúas partes da súa identidade, entre o pai heroe e o pai criminal de guerra, entre o amor da filla e a ausencia de amor do pai, entre o aparecer e o desaparecer da vida dos outros, entre a dureza e a suavidade, mesmo entre a vida e a morte.

Para iso, Déborah artella as pezas nun relato en que se mesturan as viaxes, as lembranzas, os testemuños, as emocións, e as sombras. Faino dende un valente e destacado exercicio actoral, non só pola intimidade do que conta e a súa vinculación persoal co texto; senón porque supón un salto ao baleiro, nun monólogo continuo co público, co pasado e consigo mesma en escena dende o comezo ao fin da peza, sen pausas, sen saídas, sen distraccións. Tampouco se apoia no espazo escénico, que é moi austero, nin no emprego esaxerado de obxectos: os que usa están moi ben acaídos e reforzan o relato. Non hai voces externas; é ela a que se desdobra para ir recreando as personaxes que evoca, para dialogar con elas. A iluminación, de Salvador del Río, apoia a creación dese espazo íntimo que se vai transformando de xeito continuo dende o corpo da actriz.

Agradécese en todo momento a honestidade e a valentía de Déborah para amosarse sen máscaras, para abrirse ao público e conectar connosco, para convidarnos á súa festa, para celebrar as olladas, a escoita, os avances, mesmo que non sexa aínda unha festa de final de guerra. Vese tamén a importancia da mirada de Avelino González á hora de seleccionar o material e de tender pontes entre a historia persoal de Déborah e as espectadoras e espectadores, para que nos poidamos sentir identificadas e identificados. E conségueno precisamente nese agarimo polos pequenos detalles nas lembranzas da infancia, os referentes históricos e, sobre todo, porque a peza apela a emocións que todas e todos puidemos experimentar dentro da relación coa nosa propia árbore xenealóxica, que non sempre está ben coidada e podada; así como por esa xenerosidade e esa vulnerabilidade por parte dela ao mirarnos aos ollos.


Publicidade

 

Guerra de identidade, de Compañía DeuVe

Interpretación e autoría: Déborah Vukušić.
Dirección: Avelino González.
Iluminación: Salvador del Río.
Vestiario: Jandro Villa.
Produción: Arantxa Treus.
Deseño do cartel: www.theco.es

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio de Cangas, luns 13 de xullo de 2020.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Camiño Escena Norte

Comeza a 36ª edición da MIT Ribadavia

MártirCTAlmada |

Festival de Almada: o encontro indomable