Vilagarcía acolle unha nova edición do Festaclown do 15 ao 22 de agosto. Quince espectáculos conforman o programa deste 2020 que aposta pola cultura galega con compañías como Mofa e befa, Cía N+1, Peter Punk, Píscore ou Trío Detrés e combina artistas internacionais como Simone Romanó, Cía. Vaya ou B-Side. Ademais, tras 20 anos de experiencia, o Festival afronta un novo reto cun protocolo antiCOVID para velar pola seguridade das persoas asistentes. | Foto: Ikigai, da compañía SU.MA – Andrés Nadal |
Coa intención de ofrecer risas seguras ao cen por cen, toda a programación trasládase á Praza da II República (diante do auditorio) e para asistir será preciso reservar entrada en reservas.gal ou en www.festaclown.gal. Se ben, dez minutos antes do comezo, as cadeiras baleiras quedarán a libre disposición ata completar aforo.
Por outra parte, cada ano, o Festaclown apoia e crea tecido ao redor do circo e das artes de rúa entre artistas de Galicia e do mundo. Para esta edición, nunha defensa da programación cultural de proximidade, o Festival presenta un cartel maioritariamente galego e acolle seis estreas de espectáculos galegos e outras dúas estreas a nivel global.
O programa comezará o sábado 15 ás 12.30 horas coa estrea do pasarrúas O estraño caso do dentista da rúa Brasov da man de Troula para continuar pola noite co proxecto Cirqueiras con pases ás 19.30 e ás 22.00. Trátase dun proxecto con Mónica de Nut, Ánxela Branco, Vanessa Rivas, Marta Semprearriba e Raquel Verganzones co que “facer visible o gran nivel das artistas e humoristas femininas”.
O domingo 16 será tempo para Peter Punk coa presentación de Punkdemia nunha dobre sesión ás 19.30 e ás 22.00 horas. Con este espectáculo viral, o Doutor Punkdemia amosará a súa particular visión da pandemia en catro fases e a técnica coa que botar o virus do propio corpo.
O luns 17 o artista italiano Simone Romanó desembarca no Festaclown ás 11.30 horas coa estrea Hop Hop mentres a tarde será tempo para o Concerto Con Fusión de Píscore ás 19.30 e ás 22.00 horas.
O martes 18 a compañía Trío Detrés ofrecerá unha nova estrea co pasarrúas +Ritmo a partir das 12.30 horas. Pola súa parte, ás 19.30 e ás 22.00 horas Plato, platito, platete será o espectáculo de malabares que o madrileño Javi Javichi presentará en Vilagarcía.
O mércores 19 é tempo de estreas coa sesión matinal que Pajarito presentará con Isolada ás 11.30 horas mentres que Cía Vaya + B-Side farán o mesmo con Te veo ás 19.30 e ás 22.00 horas.
O xoves 20 a compañía Mofa e befa abrirán unha nova xornada do Festaclown ás 11.30 horas con Cartoons. Pola noite, será a vez de N+1 coa estrea de O parrulo feo ás 19.30 e ás 22.00 horas.
A actividade do venres 21 comezará ás 11.30 horas co espectáculo Betu el Pallasso da man do catalán Albert Vinyes para continuar pola tarde co espectáculo reivindicativo A saúde é o primeiro con Fran Rei, Pedro Brandariz, O Mago Teto, Isabel Risco e o propio Albert Vinyes ás 19.30 e ás 22.00 horas.
Por último, o sábado 22 Catropés percorrerá as rúas a partir das 12.30 horas con Animacreques mentres que a compañía SU.MA será encargada de clausurar o Festaclown con Ikigai, un espectáculo de circo-danza 360º que Sue Moreno e María Move presentarán ás 19.30 e ás 22.00 horas.
Deste xeito, Vilagarcía volverá encherse de risas e espectáculo un ano máis nunha edición dunha semana de duración para gardar as precaucións que marcan as autoridades sanitarias e manter a personalidade do festival: “Os espectáculos e festivais están mudando coa pandemia, a nova normalidade altera a interacción co público que tanto define o clown, pero temos experiencia e solvencia suficiente para adaptarnos e reiventarnos sen perder a nosa esencia”.