A compañía Cámara Negra estrea en coprodución co CDG o espectáculo Clausura do amor, de Pascal Rambert. A estrea terá lugar o xoves 17 de setembro ás 20.30 horas no Salón Teatro, con funcións o venres 18 e o sábado 19 ás 20.30 e o domingo 20 ás 18.00.
Clausura do amor é texto de Pascal Rambert que a compañía Cámara Negra leva a escena con versión e dirección de Carlos Álvarez – Ossorio e interpretación de Teté García e Xosé Manuel Esperante. Nel, o dramaturgo francés escribe desde as vísceras e somete a unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dun amor en proceso de defunción. “En Clausura do amor o máis importante é a linguaxe. A forma como usamos a linguaxe en determinadas circunstancias é máis efectiva que a tortura física”, escribe Rambert.
Para a proposta de Cámara Negra, Álvarez-Ossorio parte do texto para afondar no que agocha. “Aparentemente, estamos ante unha simple ruptura de parella, pero o texto de Rambert é tan rico, ofrece tantos matices e tantas capas, que acaba sendo máis: un espello da nosa sociedade”. Trátase dunha proposta de xogo teatral na que o espectador forma parte dun espazo no que o íntitmo se confronta co público. “Do xogo xorde toda a posta en escena: un xogo visceral e salvaxe, non exento de humor ácido e corrosivo. Un traballo de improvisación e investigación rigoroso e liberador. Un traballo de creación moi físico, buscando os límites do texto, a humanidade espida do texto”.
Pascal Rambert
Autor, director e coreógrafo. En 2016 recibiu o Premio de Teatro da Academia Francesa ao conxunto da súa obra. Desde 2014 é autor asociado ao Teatro Nacional de Estrasburgo e desde 2017 é artista asociado ao Théâtre des Bouffes du Nord e ao Pavón Teatro Kamikaze. Do 2007 ao 2017 foi director de T2G-Théâtre de Gennevilliers de París, que transformou en centro dramático nacional de creación contemporánea consagrado exclusivamente a artistas vivos (teatro, danza, ópera, arte contemporánea e cine). As súas obras foron traducidas e publicadas en numerosos idiomas, sendeo Clôture de l’amour a súa peza máis representada.
Carlos Álvarez-Ossorio
Director, actor, dramaturgo e cineasta, ten dirixido, entre outros, no Centro Andaluz de Teatro, na Convención Teatral Europea, na Red de Teatros Alternativos e no Festival de Teatro Clásico de Mérida, ademais de en diversas compañías independentes como Arela das Artes, La Yogurtera, Inversa Teatro, El Aedo ou GNP, acadando numerosos premios polas súas montaxes, como un Premio MAX, o Premio José Luis Alonso da Asociación de Directores de Escena de España (ADE), un Premio Telón Chivas e o Premio Jara do Teatro Profesional Extremeño ao mellor director. As súas montaxes viaxaron por toda España, por Francia, Cuba, Grecia, Alemaña ou Malta.
Teté García
Participa en máis de quince montaxes teatrais desde o ano 2003 ata a actualidade, baixo a dirección de Xulio Lago, para o Centro Dramático Galego, Quico Cadaval, Carlos ÁlvarezOssorio, Charo Amador, Diana Mera e Santiago Cortegoso, entre outros. No campo audiovisual, ademais de participar en diversas series e numerosas curtametraxes, interpreta o papel da protagonista feminina na longametraxe Fragmentos de Brand ,dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e no videoclip Pozo de Almas, de Maryland. Na actualidade forma parte do elenco das montaxes Casa o Rei de Ibuprofeno Teatro e 30 e tantos ósos de Aporía Escénica.
Xosé Manuel Esperante
Traballa en montaxes de Ibuprofeno teatro, Baobab, A Factoría, Cámara Negra, Centro Dramático Galego, Arela das Artes, Uvegá, Galileo teatro, Caramuxo teatro… En longametraxes como Lobos sucios, Quien a hierro mata, El tiempo de Plácido Meana, Fragmentos de Brand, O ano da carracha ou O lapis do carpinteiro. Tamén aparece en distintas series de televisión como Fariña, Serramoura, Pazo de familia ou Amar en tiempos revueltos, entre outras. Acada o premio ao mellor actor da III Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, pola súa intervención na curtametraxe Inútil, de Paco Rañal, no ano 2001.