in

Chévere estrea en Vigo ‘As Fillas Bravas e o Mito de Casandra’

As Fillas Bravas | Chévere
A obra poderá verse os días 11, 12 e 13 de setembro na Sala Ártika de Vigo, e xirará posteriormente por Galicia.

 

Chévere estrea esta fin de semana na Sala Ártika de Vigo un novo espectáculo que busca concienciar a poboación sobre o impacto do cambio climático. A obra, titulada As Fillas Bravas e o mito de Casandra, ía ser presentada inicialmente no mes de maio, pero foi adiada debido á crise da Covid-19. Agora, despois despois destes meses de confinamento, desescalada e adaptación, Chévere artellou esta nova peza que expresa con contundencia a preocupación polo Planeta destas tres mulleres de aldea.

A obra poderase ver na Sala Ártika os días 11 e 12 de setembro ás 21.30 e o domingo ás 20.00. Posteriormente, o espectáculo emprederá unha xira por Galicia que o levará a concellos como Outes, Burela, Curtis e Zas.

 

O espectáculo

As Fillas Bravas son tres pandeireteiras do lugar de Momán, parroquia de Padrenda, concello de Trabancas, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría.
Nesta nova obra, As Fillas Bravas usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para artellar a súa singular conversa cantada.

As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. E por outro, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininos empoderados, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.


Publicidade

 

Sobre o mito de Casandra e o cambio climático

Casandra, filla do rei de Troia, era tan fermosa que Apolo ofreceulle o don da profecía, se aceptaba converterse na súa amante. Ela aceptou. Pero cando Apolo se lle achegou ela negouse. O deus, ofendido, pensa un castigo exemplar, sen deixar de cumprir a palabra dada: concédelle a Casandra o don de predecir o futuro, co engadido dunha maldición incontestable, ninguén vai acreditar no que ela di. E así foi. Casandra tratou de alertar sobre a verdadera natureza do cabalo de Troia e a caída da cidade en mans do exército grego, pero axiña descubriu que coñecer o futuro non serve de nada se ninguén cre no que dis.

Na actualidade, a maldición de Casandra materialízase nas persoas que se dedican á investigación científica. A ciencia trata de comprender, respectar e actuar acorde coas leis do universo, pero poucas veces se lle fai caso e a comunidade científica ve como a sociedade camiña irremediablemente cara un desenlace que se podería evitar. Un exemplo perfecto disto é o cambio climático, do que a comunidade científica de todo o mundo leva alertando como mínimo desde os anos setenta, sen que ninguén lle conceda a credibilidade que merece.

 

Ficha técnica
En escena: Patricia de Lorenzo (Isaura), Mónica García (Dosinda), Arantza Villar (Benedita). Dirección e dramaturxia: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Técnica: Xacobe Martínez Antelo/Fidel Vázquez. Asesoramento musical: Inés Portela. Comunicación: Xana García. Gráfica: Yoseba Muruzábal. Atrezzo e roupas: Maribel Gómez. Duración: 55 minutos. Unha produción Chévere, co apoio da Agadic/Xunta de Galicia e a colaboración do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Clausura7 1 1170x600 |

Cámara Negra estrea ‘Clausura do amor’ no Salón Teatro

ManoDura |

Cris Vilariño e Alberto Cortés comparten o proceso de ‘Mano Dura’ no TRC Danza 2020