O XXXI Festival de Teatro Galego – Celso Parada que se desenvolverá do 23 ao 26 de setembro no Carballiño continúa coa presentación das súas actividades paralelas. Para esta nova edición, o evento contará coa lectura dramatizada online de A farsa das zocas de Ricardo Carvalho Calero da man alumnado de Centros Galegos de Europa e América. De igual modo, entre o 23 e o 25 de setembro ás 16.30 horas tamén terá lugar a Escola de Espectadores do Teatro Galego orientada a persoas afeccionadas, interesadas, espectadoras do programa oficial.
Coa axuda de profesorado e alumnado dos Centros de Estudos Galegos do País Vasco, Portugal, Francia, Alemaña e Brasil, a obra Carvalho Calero cobrará vida a través da lectura dramatizada de medio cento de persoas voluntarias. Os días 23, 24, 25 e 26 de setembro ás 16.00 horas e durante trinta minutos diarios, a peza irase debullando nunha lectura dramatizada coordinada desde Galicia pola directora e dramaturga Vanesa Sotelo. Para as persoas interesadas en compartir a experiencia, será posible acceder á lectura mediante redes sociais e Youtube.
Coa intención de levar o Festival do Teatro Galego ‘Celso Parada’ máis aló das fronteiras físicas, a organización buscou a colaboración do instrumento académico que Galicia ten para espallar a lingua galega polo mundo: os Centros de Estudos Galegos. Deste xeito, o Festival “comparte o orgullo de sentir o prestixio de falar a nosa lingua con galegos e non galegos que a aprenden alén da nosa comunidade”, sinala o director do Fetega, Carlos Ledo.
Á hora de escoller texto, o festival pensou na figura de Carvalho Calero, a quen este ano estivo dedicado o Día das Letras Galegas. Nun 2020 no que a pandemia castigou a celebración da súa figura e a súa obra, o Fetega apostou por manter a Carvalho Calero durante catro días en carteleira coa presentación virtual de A farsa das zocas.
Escola de Espectadores do Teatro Galego
Por outra banda, durante o Festival tamén se desenvolverá a Escola de Espectadores do Teatro Galego entre o 23 e o 25 de setembro ás 16.30 horas.
A escola do espectador pretende facilitar unha escolma de ferramentas que permitan enriquecer o punto de vista do espectador ante a poética creativa do artista na escena. Con esta iniciativa, a organización pretende revelar as pegadas que caracterizan o espectáculos e transmitir o coñecemento de pequenos fundamentos que creen resortes de opinión no público.
A actividade está dirixida por Pepe Domínguez, dramaturgo, produtor, director, actor de teatro e guionista de televisión. Nado en Irixo (Ourense), Domínguez é graduado na Escola de Comunicación Social da Universidade Católica Bello de Caracas (1983) e desenvolveu a maior parte da súa actividade en Venezuela. Co-fundador do Teatro San Martín de Caracas, foi produtor executivo do VII e VIII Festival Internacional de Teatro de Caracas e director do Obradoiro Nacional de Teatro. Actualmente participa na actividade teatral e audiovisual galega. Neste 2020 acadou o II Premio Platta de Teatro Breve – Castilla y León coa peza Voces en el limbo, texto que se publica na colección Cadernos Platta da erregueté en galego, castelán e portugués.