in

AveLina Pérez reanuda a programación en Ensalle con ‘A que non podes dicir cocacola?(II)’

Avelina Pérez de nena
A estrea de A que non podes dicir cocacola? (II), de AveLina Pérez retoma a programación en Teatro Ensalle. O espectáculo que onte se presentou na sala viguesa e que poderá verse ata este domingo 20 de setembro, abre unha nova tempada que inclúe compañías como Teatro Ensalle, Diego Anido, Marta Alonso Tejada e o XV Festival Catro Pezas.

 

Compañía residente da sala, AveLina Pérez revisa neste novo proxecto os motivos que a levaron a crear A que non podes dicir cocacola?, creada en 2011 con Teatro do Lume. A que non podes dicir cocacola? (II) é unha nova “confrontación coa violencia e a capacidade de evasión que desemboca na indiferenza”. Segundo a creadora, a proposta “é unha loita inútil e precisa, un desexo de escribir grandes parágrafos nas paredes acabadas de pintar, unha repetición de incertezas batendo nos puntos finais, un querer e un poder, un frasco de perfume que non recende, un atentado contra a asepsia.”

A programación continúa programación en Ensalle os días 25, 26 e 27 co proxecto docuescénico Outras miradas, unha coprodución de Teatro Ensalle co Centro Dramático Galego. A propia AveLina Pérez xunto a Antonio Sarrió, Carlos Sarrió, Sergi Fäustino, Terrorismo de autor ou Carmen Werner, son algunhas das colaboracións coas que conta a proposta.

Publicidade

A primeira quincena de outubro estará dedicada ao creador Diego Anido coa retrospectiva formada por O alemán, do 2 ao 4 de outubro, e El dios del pop (muestra do proceso creativo), do 8 ao 11 de outubro. Escrita, dirixida e interpretada por Anido, O Alemán é unha peza con vocación experimental que orbita ao redor da idea do sacrificio como neutralizador do absurdo cotiá. Pola súa parte, El Dios del Pop, o creador reencarna a unha especie de imitador de Michael Jackson pero nada do que conta en escena provén da lenda do personaxe senón que son recreacións da vida cotiá do intérprete. Por outra parte, Marta Alonso Tejada será a encargada de pechar o mes de outubro con Bailar agora: unha sorte de imperativo cara un posicionamento no presente social e persoal a través da danza. Será os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro.

Novembro será tempo para o XV Festival Catro Pezas en Ensalle. Lola Jiménez presentará In anima vil do 5 ao 7 de novembro mentres que Sandra Gómez visitará a sala con Solo los solos os días 27, 28 e 29 de novembro. In anima vil é a extensión do traballo Soy una mosca que mira a través del agujero de una llave un lugar en llamas e nela a creadora propón unha viaxe que recae sobre o corpo, o debuxo, a palabra, con ecos que se enlazan por rebeldía para ser escoitados. De igual modo, Solo los solos é un solo de danza coa soidade como eixo temático na que se cuestiona o papel que xoga a mirada ou o xeito de ver e percibir o obxecto artístico.

Finalmente, Teatro de lo Inestable visitará Ensalle con El aniversario os días 4, 5 e 6 de decembro. Jacobo Pallarés dirixe este traballo no que “á hora da festa de aniversario na que todo o mundo é benvido á casa”.

Para poder gozar da programación de xeito seguro, o Teatro Ensalle lembra que levará a cabo todos os protocolos solicitados polas distintas institucións e prégalle ao público asistir con máscara e, a ser posible, reservar entrada ben no web www.teatroensalle.com ou por teléfono (986 485 609). Todas as funcións son ás 21.00 horas.

Na imaxe: fotografía de A que non podes dicir cocacola? (II), de AveLina Pérez

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fetega |

O Fetega leva ‘A farsa das zocas’ polo mundo e inicia unha Escola de espectadores

Microperspectivas dun marica millenial | Incendiaria

Cangas presenta a súa programación de outono 2020