in

Cangas presenta a súa programación de outono 2020

Microperspectivas dun marica millenial | Incendiaria
Foto Laura Iturralde
O Concello de Cangas vén de presentar o programa cultural para este outono. Teatro, música e cine conforman a oferta do Auditorio Municipal de Cangas para os meses de setembro a decembro entre a que se atopa a estrea adiada de Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria en co-produción co Centro Dramático Galego.

 

Ibuprofeno Teatro é a compañía encargada de abrir o programa teatral con O mel non caduca o 26 de setembro ás 21.00 horas. Marián Bañobre e Avelino González protagonizan este espectáculo “biodegradable e ecosostible” escrito e dirixido por Santiago Cortegoso.

A compañía Incendiaria toma o relevo o sábado 3 de outubro con Microspectivas dun marica millennial. Esta re-construción de Davide González con dirección de Vanesa Sotelo preséntase así en Cangas despois de que a estrea prevista para o 14 de marzo quedase suspendida por mor do decreto do Estado de alarma.

Teatro do Norte será a compañía que o 24 de outubro suba ao escenario cangués con In Memoriam: Federico García Lorca 1898-1936. Creado e interpretado por Etelvino Vázquez, o espectáculo percorre o xenio de Lorca a través das figuras do poeta e da actriz Margarita Xirgu.

Despois da gala de presentación do número 100 en papel da erregueté – Revista Galega de Teatro prevista para o sábado 31 de outubro, o 7 de novembro o teatro continúa en Cangas con A conquista da escola de Madhubai a cargo da compañía Teatro do Atlántico. No ano no que a compañía celebra os seus trinta e cinco anos de vida, Teatro do Atlántico regresa ao Morrazo con este texto de Hélène Cixous inspirado na figura de Phoolan Devi, referente do feminismo da India.


Publicidade

De igual modo, o 28 de novembro ás 18.00 horas os Monicreques de Kukas desembarcarán en Cangas co espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica. Marcelino de Santiago protagoniza esta proposta multidisciplinar para todos os públicos dirixida por Isabel Rey na que o clown e a pantomima se mesturan coa maxia e as marionetas.

Por último, o sábado 12 de decembro Carlos Blanco e Oswaldo Digon serán os encargados de pechar o programa teatral con Quen dixo medo? ás 20.00 horas.

Segundo indicou o director do auditorio, Juan José Pérez, todas as actividades programadas respectarán as medidas de seguridade fronte á Covid-19. Para isto, establécese un límite de aforo no 50% e exixirase uso de mascarilla e un circuíto de entrada e saída para organizar o tránsito.

Agás no caso de Xan Perillán e a maleta máxica (entrada gratuíta), as entradas para os espectáculos xa están á venda e pódense adquirir por un prezo de 5 euros en ataquilla.

Na imaxe: Microspectivas dun marica millennial |Foto: Laura Iturralde |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Avelina Pérez de nena

AveLina Pérez reanuda a programación en Ensalle con ‘A que non podes dicir cocacola?(II)’

Os nenos da varíola

O FETEGA presenta o programa da súa 31ª edición