in

Tamara Andrés, tradutora de ‘Os Satélite’: “Abordei a tradución coa orella posta na mocidade, coa ollada sobre a lingua no futuro”

Tamara Andrés
Foto de Paula Andrés
Poeta en acción, Tamara Andrés (Combarro, 1992) é a tradutora de Os Satélite, de Ricard Gázquez: obra gañadora do XLIV Premi Born de Teatre. Graduada en tradución e interpretación e co desenvolvemento dunha tese centrada na poesía galega de autoría feminista, Andrés combina o seu traballo como tradutora e revisora co da formación e a acción poética. Gañadora do Premio de Poesía O Facho con Nenæspiraes, finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández en 2018 con Corpo de Antiochia e finalista do I Premio María Victoria Moreno con Irmá Paxaro, Andrés súmase xunto con Afonso Becerra, Xosé Manuel Pazos e Antía Veres á nómina de tradutoras que desde o 2006 verten ao galego as pezas gañoras do Premi Born de Teatro publicadas pola erregueté. | Vanesa Sotelo. Foto: Paula Andrés |

Como lectora de Os Satélite, que elementos destacaría da obra de Ricard Gázquez?
A principal característica que cómpre salientar do texto é, sen dúbida, a vontade de narrar a través do fragmento. A historia vaise enfiando a través das intervencións dun feixe de personaxes que nos entregan imaxes, diálogos ou momentos que non se nos ofrecen nunha liña temporal establecida. De aí que a lectura exixa un esforzo particular. De aí tamén as múltiples lecturas posibles. Por outra banda, para min Os Satélite caracterízase por presentar un universo moi ben trazado e contido, unha variedade de rexistros lingüísticos abraiante, por conter pinceladas de humor e absurdo ben agudas e por incluír unha representación da adolescencia que foxe de tópicos: na obra, as persoas novas implícanse na aprendizaxe, adoptan unha posición crítica ante o mundo e mesmo experimentan a beleza ata o punto de chegar a sentir a síndrome de Stendhal. De feito, a procura da beleza, tamén do amor, son temas que atravesan todas as personaxes.

Cal foi o principal desafío como tradutora á hora de entrar no universo de Os Satélite?
Trasladar dun xeito acaído toda a potencia lingüística da obra de Ricard á lingua galega. Na obra, por exemplo, combínanse o rexistro culto e o coloquial dunha maneira case natural, espontánea. Na tradución ao galego cumpría manter ese equilibrio, así como atopar bos equivalentes para unha longa listaxe de manifestacións lingüísticas moi informais («hay faena con el colega», «paso de vuestro rollo», «un tacón de aguja que te cagas», «la pava controla mogollón», «yo es que me troncho», por poñer algúns exemplos).

O texto constrúe todo un retrato social dun suburbio de Barcelona a partir da fuxida da protagonista a través de múltiples saltos espaciais e temporais con personaxes que ofrecen pulsos e respiracións diversas. Como abordou ese mosaico de voces tan variado?
Lendo e relendo unha e outra vez a obra, comprendendo a construción de cada personaxe a través das súas intervencións, da presentación de Ricard, tamén do diálogo que puiden manter co autor. Foi un texto que tiven que mastigar moito máis ca outros antes de botarme a traducir precisamente polos motivos aos que fas referencia. Había que comprender todos os fragmentos, todos eses saltos, todas esas voces.

En 2018 a Academia alertaba da creba interxeracional no uso do galego, sendo cada vez menos frecuente entre a xente nova no ámbito urbano e periurbano. Como valorou este compoñente sociolingüístico á hora de abordar a tradución de Os Satélite?
Abordei a tradución coa orella posta na mocidade, coa ollada sobre a lingua no futuro. Son moitas as ocasións nas que a rapazada percibe a norma da lingua galega como allea, como estraña, porque non abrangue a súa fala, porque non reproduce a súa voz. Se ben é certo que a tradución cumpriu na nosa historia un papel normalizador, penso que xa é hora de arredarnos unha chisca de posicións puristas se pretendemos que a mocidade se exprese e lea obras en galego con naturalidade. Por iso se manteñen, por poñer un exemplo, algúns anglicismos na tradución ao galego. As interferencias tamén forman parte dunha lingua que está viva.

Recentemente puidemos ler un artigo teu no que falabas da situación da tradución teatral en Galicia a raíz da montaxe da Clausura do amor, estreada recentemente por Cámara Negra. Na necesidade de seguir fortalecendo o diálogo con espazos e dramaturxias actuais, que valor ten para ti este Premi Born que desde o 2006 leva publicando en galego textos da dramaturxia contemporánea en castelán e catalán?
Benvidos sexan todos os proxectos de tradución impulsados desde as institucións, e máis se xorden dunha vontade real de diálogo entre as linguas e as culturas do estado, e máis se serven para apoiar e visibilizar autorías contemporáneas. Nese sentido, o Premi Born, ao asegurar a publicación do texto gañador nas catro linguas oficiais do estado, é unha grande árbore nunha paisaxe que cada vez vai ficando máis deserta. Non deixemos que esmoreza.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ricard Gazquez

Ricard Gázquez: “Necesitamos atopar un universo simbólico propio para estar nun mundo tan agresivo como actual”

IMG 7242 |

O Teatro do Noroeste-CDV acolle un seminario sobre tendencias do teatro contemporáneo