in

O V Festival Titiriberia celebrarase en Rianxo no mes de decembro

BarrigaVerdeAtacaDeNovoAlakran |
O V Festival Titiriberia traslada a súa celebración a Rianxo tras a negativa do Concello de Teo para conservar esta iniciativa cultural que recupera a histórica tradición das barracas e os monicreques na Feira de Francos. A Asociación Morreu o Demo prepara unha programación que se desenvolverá entre o 22 e o 30 de decembro e que poderá ser seguida integramente a través da súa emisión na rede.

 

A entidade organizadora, a Asociación Morreu o Demo, anuncia así que está a preparar a quinta edición do Titiriberia para continuar co seu obxectivo de recuperar e dignificar o boneco tradicional, así como a súa longa historia. Entre os días 22 e 30 de decembro, Titiriberia ofrecerá en Rianxo unha programación “ideada para as actuais circunstancias, coas máximas medidas hixiénico sanitarias de protección tanto para o público como para as profesionais da escena”. Ademais, todas as funcións serán retransmitidas a través da rede para garantir o maior acceso posible ao público e poder “ter un encontro cos e coas espectadoras independentemente das restricións de aforos que se produzan nesa altura.

A organización sinala que o ‘Titiriberia. Olladas sobre os cristovos’ se ve “na obriga de abandonar o municipio de Teo pola negativa da actual Concellería de Cultura de conservar a iniciativa”. De igual modo, desde o colectivo, subliñan que a decisión por parte da corporación municipal de suprimir o festival tomouse antes de anunciar a semana pasada a supresión da Feira de Francos e da declaración do novo estado de alarma. Por outra banda, a Asociación Morreu o Demo manifesta só “ter palabras de gratitude para o municipio teense e, especialmente, cara á súa veciñanza que nestes anos acudiu e apoio a programación que se centralizaba no Día do San Martiño, pero que se espallaba tamén nos centros de ensino e nos diferentes centros socioculturais”. A organización de Titiriberia agarda que no futuro regresen os monicreques á Feira de Francos, espazo natural e histórico deste xénero teatral.

 


Publicidade

Catro edicións en Teo

Nas catro edicións que se desenvolveron en Teo, Titiriberia achegoulle ao público deste municipio máis de 45 funcións a cargo de preto de 40 compañías e artistas, que amosaron o seu traballo en funcións para o público escolar, funcións para o público escolar, animacións de rúa ou na Barraca do Titiriberia, que realizou diversas sesións de varietés. Ademais, nestes anos, realizáronse diferentes exposicións, obradoiros e mesas redondas. Para este 2020, a organización ofreceulle á Concellería de Cultura “realizar unha programación con todas as medidas de seguridade necesarias na situación pandémica, incluída a súa emisión pola rede. Non obstante, o goberno local declinou toda posibilidade”, explican, ao tempo que apuntan que “no último ano a concellería se decantou polo desmantelamento da actividade cultural do municipio, prescindindo por exemplo da residencia do Grupo Chévere”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Conquista madhubai Teatro do Atlántico

Vigocultura modifica os horarios das dúas próximas fins de semana

AamnesiadeClio5 |

Marta Pazos: «Utilizo o teatro para entender o lugar que ocupo no mundo»